ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

Alumnos de primeiro curso da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela visitan o Concello

19/03/2015 Un grupo de alumnos e alumnas de primeiro curso da facultade de Ciencias Políticas da USC visitaron esta mañá o Pazo de Raxoi para coñecer de primeira man o funcionamento da Administración local.

Durante a visita, o grupo estivo acompañado polo concelleiro de Réxime Interior e Persoal, Manuel Martínez, e por Jorge Padilla, do Gabinete de Alcaldía, que lles explicaron desde a configuración e distribución das dependencias municipais ata o funcionamento da Xunta de Goberno Local e o Pleno do Concello. Os estudantes tamén puideron coñecer os procedementos de decisión e da xestión ordinaria municipal, así como os diferentes tipos de temas e a maneira na que se abordan no Pleno.

Esta visita ao Concello é una das moitas que os alumnos e alumnas do primeiro curso de Ciencias Políticas, acompañados polo profesor de Dereito Administrativo da USC Xavier Ferreira, están a realizar a diferentes institucións que teñen a súa sede na capital de Galicia, coma o Parlamento ou o Consello da Cultura Galega.

Estas visitas, que acercan as institucións a quen como politólogos están a analizalas na súa formación, permiten coñecer, de man dos protagonistas, o funcionamento do día a día dunha administración.

Pola súa parte, dende o Concello existe interese en potenciar este tipo de visitas e estendelas a outros ámbitos, permitindo abrir a institución á cidadanía.

Compartir: