XUNTA DE GOBERNO

O Concello prepara a XVII Festa dos Maiores

19/03/2015 Na súa sesión ordinaria, a Xunta de Goberno iniciou o procedemento para contratar a organización dunha nova edición da Festa dos Maiores, que un ano máis se celebrará no marco das Festas da Ascensión. O Concello volverá asumir 2/3 do prezo deste xantar, polo que os asistentes deberán pagar só 7 euros.

O tipo de licitación é de 19 euros/comida (+1,90 € IVE), que poderá ser rebaixado en función das ofertas. Inclúe, ademais do xantar, os custos de man de obra, servizo, instalación de mesas e cadeiras e menaxe.

Neste festa, na que os convidados son os maiores xubilados ou pensionistas, o Concello asume as 2/3 partes, tendo que aboar o 1/3 restante (7 euros) a persoa que asiste, en concepto de prezo público. Con este fin, prevese un gasto máximo de 35.530 euros con cargo ao orzamento municipal

Subvención para servizos sociais
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a solicitude de financiamento para servizos sociais comunitarios á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia por importe de 826.358 euros, sobre un total estimado de 1.695.494 euros. De concederse a axuda, a participación do Concello sería de 869.136 euros, equivalente a un 51,26% do importe total.

A proposta inclúe o detalle dos gastos totais distribuídos entre o persoal (773.627 euros), o programa Axuda no Fogar (914.441 euros) e os programas de apoio colectivo e de dinamización e animación sociocomunitaria (7.426 euros).

Escolas infantís
Tamén se acordou demandar a este mesmo departamento autonómico unha subvención para o Plan concertado de servizos sociais comunitarios, con destino ás escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrio-Salgueiriños para o ano 2015. O Concello consigna nos seus orzamentos 738.559 euros para a xestión destes tres centros, dos que se solicita á Xunta o 50%.

As tres escolas municipais de titularidade municipal suman 245 prazas para nenos e nenas de entre 0-3 anos. Os usuarios contribúen ao financiamento do servizo en función da súa capacidade económica, cunha tarifas establecidas por asistencia en xornada completa que eximen de pagamento a quen non acada o 50% do IPREM. Para o resto oscilan entre os 34 e os 164 euros mensuais, con descontos por familia numerosa, familia monoparental e 2º irmán no centro (20% en cada caso, non acumulables). Nos servizos de comedor tamén se contemplan diferentes tarifas en función da renda.

Documentos relacionados



Compartir: