ALCALDÍA

Hernández destaca o traballo constante de Proxecto Home na procura da prevención, da inserción e da rehabilitación

18/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a VII Exposición "Arte e Solidariedade". XXV aniversario de Proxecto Home Galicia, que estará no Museo do Pobo Galego ata o 26 de abril. A mostra, segundo explicou, acolle arredor dun centenar de obras e de artistas que "estenden a súa sensibilidade máis alá das súas creacións, nun xesto que amplifica a calidade do seu traballo".

A mostra, dixo, "non só expón o labor creativo de galegos e galegas de hoxe, senón que pon de manifesto tamén a implicación do artista coa sociedade". Así, destacou a finalidade social da exposición, que nos lembra que "as adiccións son un problema que afecta, sobre todo a quen o padece e ao seu círculo máis inmediato, pero tamén ao conxunto da sociedade".

"É un reto que require da implicación de todos, porque en maior ou menor medida a todos nos afecta", apuntou ao alcalde, incidindo en que é problema complexo que precisa "afrontarse dende diferentes perspectivas: médicas, psicolóxicas, sociais… pero tamén con grandes doses de comprensión e de compañía, nun camiño sempre difícil".

Para Hernández, "todo iso é o que trata de ofrecer Proxecto Home, cun traballo constante na procura da prevención, da rehabilitación e da reinserción, no que leva xa un cuarto de século". Nestes 25 anos, a institución tratou a preto de 20.000 persoas e máis de 8.000 foron dadas de alta logo de ser rehabilitados.

Lembrou a implicación con Proxecto Home doutras institucións, entre elas o Concello de Santiago, que "ten colaborado dende un principio para facilitar a súa instalación e o inicio das actividades aquí, na capital de Galicia". Ese apoio plásmase tamén na colaboración coa coa Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes, con achegas económicas ou coa contribución naqueles actos ou actividades que a entidade organiza.

"De cara ao futuro confiamos en poder seguir ampliando a nosa axuda para o desenvolvemento de programas, que este ano case duplicamos -ata chegar aos 60.000 euros-, e poder botar unha man en iniciativas como o novo albergue que a Fundación vai crear na rúa Virxe da Cerca, para o que a Corporación Municipal acordou modificar o Plan Especial que fará posible este novo uso de interese social", indicou o alcalde.

Pero máis alá desta colaboración institucional, dixo, "o máis satisfactorio é comprobar como o fan moitas persoas a título individual, achegando o seu traballo diario, a través de fórmulas de voluntariado, ou ofrecendo axudas ou doazóns, ás máis das veces non faltas de esforzo ou sacrificio". Neste sentido, indicou que a exposición inaugurada é "un exemplo desa actitude altruísta que manifestan os artistas coas súas obras e os membros do comité de especialistas co seu traballo de selección", e unha demostración de que a arte "pode ser tamén unha ferramenta axeitada para a transformación da persoa e da sociedade, para facela máis sensible, máis xusta e máis solidaria".

Compartir: