CULTURA

Lars Vogt abre o Ciclo de Piano Ángel Brage

18/03/2015 O ciclo de Piano Ángel Brage, que se celebra dentro do Programa de Abono de Auditorio de Galicia, chega á súa VII edición. Inaugúrase este xoves 19 de marzo co alemán Lars Vogt, no Auditorio de Galicia. Tras el, o 24 de abril estará Herbert Schuch e pecharase o 14 de maio co debut en Compostela de Alexandre Tharaud. Todos serán ás 21.00 horas.

O alemán Lars Vogt inaugura o Ciclo de Piano Ángel Brage con obras de Schubert, un dos máis prolíficos compositores para este instrumento, Schoenberg e Beethoven. A súa innegable proximidade melódica e harmónica fan das tres últimas sonatas para piano de Schubert, compostas no seu derradeiro ano de vida (1828) e actualmente consideradas entre as máis importantes pezas mestras de madurez, unha verdadeira triloxía cuxas emocións expresadas son consideradas como persoais e autobiográficas e das que sempre se lembra o carácter dramático e heroico da Sonata en do menor e o apaixonado lirismo da Sonata en La maior. É precisamente a Sonata en do menor a que poderemos escoitar neste concerto, xunto coas Seis pequenas pezas para piano de Schoenberg e a Sonata número 32 en do menor de Beethoven.

O Ciclo de piano Ángel Brage nace no ano 2008, dentro da programación de abono do Auditorio de Galicia, para homenaxear no 25º aniversario do seu falecemento a este pianista e mestre de varias xeracións de músicos composteláns. Polo escenario do Auditorio de Galicia xa teñen pasado algúns dos máis grandes pianistas da actualidade, como Olli Mustonen, Arcadi Volodos, Christian Zacharias, Krystian Zimmerman, Aldo Ciccolini, Paul Lewis, Leif Ove Andsnes, Emanuel Ax, Andrea Lucchesini, David Kadouch, Cédric Tiberghien, Andrea Bacchetti.etc...

As entradas teñen un prezo de 12 euros (6 € para estudantes e xubilados) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e no propio Auditorio de Galicia os días de concerto.

Documentos relacionados



Compartir: