CONSORCIO

A violinista rusa Alina Pogostkina formará neste instrumento a músicos galegos

18/03/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. Ao longo do ano ofrécese a posibilidade de asistir a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana, a afamada violinista rusa Alina Pogostkina formará neste instrumento tanto aos alumnos da escola como a intérpretes externos interesados en perfeccionar a súa interpretación co violín.

As clases celebraranse o mércores 25 de marzo, de 10:00 a 13:00 horas. O venres día 27, as sesións terán lugar tamén de 10:00 a 13:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola de Altos Estudos Musicais: www.eaem.es.

Ademais, a violinista tocará coa Real Filharmonía de Galicia nos concertos que a agrupación ofrecerá o 26 de marzo en Lugo, no Círculo das Artes; e o 27 en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia.

Cun violín de Antonio Stradivari de 1717
Alina Pogostkina naceu na cidade rusa de San Petersburgo. En 1992 mudouse a Alemaña, onde recibiu as súas primeiras clases de violín do seu pai. Logo continuou a súa formación na Escola Superior de Música de Berlín. Na actualidade toca un violín de Antonio Stradivari de 1717, cedido pola Fundación Musical Nipona.

En 2005 gañou a Competición Sibelius de Helsinki. Ao longo da súa carreira ten ofrecido concertos en numerosos festivais e salas de renome de todo o mundo, mesmo en Australia e Xapón. Ten colaborado cos directores máis prestixiosos e con orquestras de Europa, Asia e América. É unha apaixonada intérprete da música de cámara e tamén da música contemporánea.

Compartir: