CULTURA

Cancelado o concerto de Richard Bona por enfermidade do artista

18/03/2015 A axencia de Richard Bona vén de anunciar ao Concello que se ven na obriga de cancelar a xira española do artista camerunés prevista este mes de marzo por motivos de saúde. Queda cancelado, polo tanto, o concerto previsto para este domingo, 22 de marzo, no Teatro Principal, dentro do ciclo Jazz 1906.

Dende a axencia comunican que os médicos non lle permiten voar por ser prexudicial para a súa saúde, polo que é imposible realizar o concerto da nosa cidade, así como os de Girona, Madrid, Murcia e Bilbao.

Todos aqueles que queiran devolver as súas entradas teñen que facelo pola mesma vía pola que as adquiriron. Se foi por Abanca ou Ticketea xa recibirían unha información do procedemento dende as entidades, sempre e cando facilitaran os datos de contacto. E se non o fixeron, poden poñerse en contacto con eles para calquera dúbida. Se as entradas se adquiriron no despacho de billetes do Teatro Principal, deben achegarse alí coas entradas para proceder ao reembolso.

Se a entrada foi mercada cun abono, en Ticketea procederán a devolver o abono completo mentres que en Abanca devolverán a parte proporcional a ese concerto.

Dende o Concello de Santiago laméntase profundamente as molestias ocasionadas por esta cuestión allea a nós e deséxaselle ao artista unha pronta recuperación.

Compartir: