TURISMO

Os comparadores de prezos Trivago e Talk to TIM recomendan Santiago de Compostela para esta Semana Santa

18/03/2015 Trivago é o maior comparador de prezos do mundo e Talk to TIM é un comparador de prezos británico, especializado nos seguros de viaxes. Ambos recomendan visitar Santiago esta Semana Santa.

"Santiago ten un dos cascos históricos máis impresionantes de Europa, cun labirinto de lousas de pedra entrelazadas cun abundante estilo gótico. É moi recomendable un paseo nocturno, xa que as rúas medievais adquiren unha atmosfera de antigüidade cando escurece. Comer é unha experiencia marabillosa e os locais de tapas son de lenda".

Así presenta Santiago o comparador de prezos británico Talk To TIM no seu blog, nunha entrada titulada "10 top Spanish city break holidays", publicada a comezos de mes na que recomenda a cidade como un dos principais destinos urbanos de España para unhas vacacións rápidas.

Trivago, o maior comparador de prezos de hotel do mundo, recomenda Santiago na súa versión española como un dos principais destinos para unha "escapada" nesta Semana Santa. En concreto, Santiago aparece nunha entrada do seu blog titulada "Mellores escapadas de Semana Santa 2015 en España".

Trivago centra a súa recomendación nunha ruta cultural pola cidade, visitando a Catedral, o Centro Galego de Arte Contemporáneo, onde destaca as exposicións de Manuel Vilariño o Christian García Bello , a colección de arte de Afundación, e o Museo Fundación Eugenio Granell.

Tradición, cultura e gastronomía
Santiago ofrece en Semana Santa unha síntese de tradición, cultura e gastronomía. Neste ano haberá 17 procesións, complementadas por diversos actos litúrxicos e concertos especiais no marco da celebración do V centenario do nacemento de Santa Teresa de Jesús. Toda a información turística sobre a Semana Santa pode consultarse na web www.semanasantasantiago.com.

A cidade albergará tamén unha nova edición de Músicas Contemplativas, que baixo o lema "Camiños..." ofrecerá 17 concertos entre o 27 de marzo e o 5 de abril en espazos singulares da cidade, como a Capela da Orde Terceira, os conventos do Carme de Arriba e de Santa Clara ou as igrexas de San Domingos de Bonaval, San Miguel, San Paio de Antealtares, San Fiz de Solovio e Universidade.

Ademais, Compostela acollerá entre o 27 de marzo e o 5 de abril a terceira edición de Santiago Pasión, programa gastronómico organizado pola Asociación Hostalería Compostela que ofertará menús de Semana Santa a un prezo fixo de 18 euros. Ademais, no domingo de "Lázaro", que da paso a Semana Santa, celébrase a Romaría de San Lázaro, que inclúe a tradicional Festa da Uña, na que participan 20 restaurantes que ofrecerán un menú para probar as uñas con chourizo, patacas e bertóns.

Compartir: