CULTURA

"O principio de Arquímedes" poderá verse no Teatro Principal o 4 de xuño

17/03/2015 A obra de Teatro do Atlántico O principio de Arquímedes, que tivera que ser posposta por motivos de saúde do elenco, poderá verse finalmente o xoves 4 de xuño no Teatro Principal. As persoas que tivesen xa as súas entradas adquiridas para o venres 27 de febreiro non teñen que facer nada, xa que esa entrada será válida para a nova data. Os que a adquirirán para o 28 de febreiro teñen que pasar polo despacho de billetes trocala pola nova entrada que lle será reasignada na mesma butaca ou, de non ser iso posible, na máis próxima. Os que polo cambio de data non queiran asistir á función poderán devolver a entrada.

Todos aqueles que queiran devolver as súas entradas teñen que facelo pola mesma vía pola que as adquiriron. Se foi por Abanca xa recibirían unha información do procedemento dende a entidade, sempre e cando facilitaran os datos de contacto. E se non o fixeron, poden poñerse en contacto con eles para calquera dúbida. Se as entradas se adquiriron no despacho de billetes do Teatro Principal, deben achegarse alí coas entradas para proceder ao reembolso. A data límite para devolver as entradas será o 15 de abril.

O principio de Arquímedes
Os pais duns alumnos de clases de natación infantil, preséntanlle queixas á directora do centro sobre o inadecuado comportamento dun monitor que abrazou e bicou a un cativo coa intención de tranquilizalo do susto provocado por ter que prescindir do "salvavidas"… O conflito non deixa de medrar… Sobre a figura dun adestrador de natación con alumnos infantís, recae a sospeita, manifestada polos pais dos rapaces, de que puidera tratarse dun pederasta. A sospeita –provocada por un feito con tantos argumentos para que sexa fundada como para que sexa absolutamente infundada -, medra pouco a pouco e alimenta o medo, esa sombra negra que, polo que parece, xa se converteu en presenza inevitable na nosa sociedade. Isto é o que conta O principio de Arquímedes

Compartir: