EDUCACIÓN

Concerto homenaxe dos nenos e nenas da Escola Municipal de Música de Santiago ao compositor Anton García Abril

18/03/2015 Este mércores, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, os máis novos violinistas e pianistas da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela renderon homenaxe ao compositor Antón García Abril nun concerto no que estivo presente o propio autor, acompañado pola concelleira de Educación, Maite Cancelo.

A través de dúas das súas obras didácticas, Cuadernos de Adriana e Doce piezas para violín y piano, alumnado da EMM de Santiago de Compostela realizou un achegamento a estas obras e a súa particular particular homenaxe a un dos compositores máis salientables de España nos últimos anos. Os participantes neste concerto traballaron nos últimos meses as citadas pezas para aprender elementos técnicos do seu instrumento achegándose a vida e obra do compositor.

Estas dúas obras están incluídas dentro da colección Música de cámara para niños, que o propio compositor dedicou expresamente aos seus fillos Antón, Áurea, Águeda e Adriana, e, nas súas propias palabras, "a todos os nenos e nenas que con amor se achegan á música con estas pezas escritas para mans pequenas e corazón grande".

As pezas interpretadas pretenden un achegamento dos nenos e nenas a procedementos compositivos do século XX e están orientadas á iniciación do estudo do piano e do violín, constituíndo unha valiosa achega á pedagoxía musical.

Antón García Abril é un dos compositores máis recoñecidos dos nosos tempos. Ten logrado decenas de premios tanto nacionais como internacionais, entre os que hai que salientar: Premio Nacional de Música en España; Premio Iberoamericano da Música, "Tomás Luis de Victoria" en 2006, Medalla de Ouro da Academia de Cine de España en 2014; Premio Nacional de Pedagoxía e Investigación Musical, entre outros. Tamén dedicou 43 anos á docencia e á pedagoxía musical, todo un legado para transmitir o seu amor pola música, pola composición e polos mozos e mozas.

Compartir: