DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello realizará melloras en 24 parques infantís da cidade para adaptalos á normativa de seguridade vixente

17/03/2015 As 76 áreas de xogo coas que conta o Concello foron sometidas a unha auditoría que revelou que 52 cumpren cos requisitos e é preciso acometer diferentes actuacións en 24. Os parques de Camilo Díaz Baliño, Galeras e Pontepedriña experimentarán unha remodelación completa. Investiranse 58.000 euros nas intervencións menores e realizaranse proxectos individualizados para as tres áreas que necesitan a rehabilitación integral.

O Concello de Santiago conta cun total de 76 áreas de xogos infantís que foron sometidas a unha auditoría, tal e como se aprobou na Xunta de Goberno do pasado 16 de abril, coa finalidade de adaptalas á normativa vixente e garantir a seguridade dos máis pequenos. Tras a revisión de tódalas zonas de xogo, constatouse que 52 se atopan en perfecto estado e cumpren coa normativa vixente, en 14 é preciso realizar unha reforma do solo, sete teñen que ser sometidas a pequenas reparacións e outras tres deben ser rehabilitadas.

Realizarase unha reforma do solo cunha capa de caucho nas áreas de xogo de As Cancelas, Dr. Maceira, o Parque de Xixón, a Praza da Constitución, Pozo da Neve, Moas de Arriba, Lamascal, Avío, Santa Marta III, San Lázaro, Villestro, Santa Marta IV, Cornes e Figueiras.

Serán sometidos a pequenas reparacións os parques de Lavacolla, A Trisca, Bornais, Granxa do Xesto, Cotaredo, Lamas de Abade e Vieiro.

Finalmente, nas áreas de xogo de Camilo Díaz Baliño, Galeras e Pontepedriña farase unha rehabilitación completa.

O Concello investirá 58.000 euros nas 21 áreas que necesitan actuacións e reparacións menores. No caso dos tres parques que teñen que ser completamente rehabilitados realizarase un proxecto individualizado para cada un deles.

Segundo indicou a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, todos os parques son seguros. Non obstante, é necesario introducir melloras para adaptalos á actual normativa.

Compartir: