CULTURA

Dez espectáculos de marzo a maio nunha nova entrega do ciclo Danza 2015

17/03/2015 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do ciclo Danza 2015 para os meses de marzo a maio. En total son 18 funcións de 10 espectáculos diferentes que combinan a danza co novo circo, o teatro, a música e o cinema. Na rolda de prensa estivo tamén presenta Baltasar Patiño, director de Hombres Bisagra, de Matarile Teatro, que poderemos ver no Teatro Principal do 25 ao 27 deste mes.

Abriu a programación deste ciclo a compañía galega Derribaslapuerta o pasado 6 e marzo con Pieza teatral documental, un proxecto de Esther Arribas e Matías Daporta creado en colaboración coa nova produtora cinematográfica galega Deica. O próximo espectáculo que se poderá ver será Hombres Bisagra, de Matarile Teatro, os días 25, 26 e 27 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Esta veterana compañía compostelá con case 30 anos de historia ás costas presenta esta proposta escénica, dirixida por Ana Vallés e Baltasar Patiño, e que se achega máis á idea de concerto que á de representación teatral. O espazo sonoro, as atmosferas de luz e as imaxes son as que suxiren situacións, potenciadas pola plasticidade dos corpos. A música e ambiente de son están xerados en directo por unha colección de sintetizadores históricos da primeira época da composición de música electrónica.

Abril
Xa en abril, o sábado 11, teremos un espectáculo enmarcado tamén no ciclo Infantil & Familiar: Xoga, da compañía coruñesa Entremans. Recomendado a partir de 3 anos, será no Teatro Principal ás 18:30 horas. Con Xoga, os máis pequenos da casa aprenderán como son, de que están feitos e como é o funcionamento do seu corpo a través da danza, o teatro, o audiovisual e a música.

Ao día seguinte, 12 de abril, ás 19:30 horas, A Artística, de Vigo culmina a súa última triloxía, tras dous espectáculos escénicos, co só de danza Verde a tiempo completo. As tres pezas poderán verse na Zona C e a protagonista deste só de danza será Olga Cameselle.

Continúa a programación o 14 de abril no Principal, ás 20:30 horas, coa compañía coruñesa Pisando Ovos, que presenta Que volvan as flores. Trátase do último traballo creado e protagonizado por Rut Balbís, que reconstrúe a peza cada vez que a representa nun traballo que pretende reflectir a creación de imaxes no momento. Unha peza aberta e viva que se transforma a medida que pasa o tempo.

Do 15 ao 19 de abril chega Pangeia, unha creación nada como froito dunha coprodución galego-portuguesa-brasileira desenvolta por Limiar Danza e Acaso Danza. A Pangeia é crise, movemento, mudanza… e poderemos vela no Salón Teatro todos os días ás 20:30 horas, agás o domingo, que será ás 18:00 horas.

En colaboración co programa estatal de artes escénicas, PLATEA, teremos dous espectáculos de danza: Flash! e Episodios (Temporada 25). Flash!, dos vascos Dantzaz Konpainia, estará o venres 17 de abril no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas. É o resultado da colaboración de dous galardoados coreógrafos de recoñecido prestixio, o israelí Itzik Galili e o polaco Jacek Przybylowick, con esta compañía cuxo froito é un tríptico de danza. Acrobacias e poesía mestúranse nunhas coreografías nas que a música nace de percusións tribais e de autores barrocos e clásicos (Marais, Mozart, Vivaldi, Haendel, Satie) e a iluminación convértese en protagonista, recreando espazos irreais.

Episodios (Temporada 25) é o resultado da convocatoria por parte de Mónica Runde de cinco experimentados e reputados creadores. 10&10 Danza, compañía de Runde, cumpre 25 anos cheos de producións e galardóns, como o Premio Nacional de Danza, e para celebralo presenta estes Episodios, nos que os coreógrafos idean unha fantasía propia a través do corpo da bailarina que se somerxe, un tras outro, nos cinco universos que compoñen a peza. Será o 29 de abril, ás 20:30 horas, no Principal.

Maio
No mes de maio teremos as propostas de dúas compañías compostelás; La Incidente D-T e AIREnoAR. Os días 7 e 8 na Zona C, ás 20:30 horas, La Incidente D-T presenta Hambre, con Leodán Rodríguez Casas. O bailarín, nacido en Guantánamo e formado na Habana, comezou a desenvolver a súa actividade artística en España no 2004 e dende hai catro anos dirixe esta compañía con sede na nosa cidade. Con Hambre ofrece unha peza de danza-teatro, na que unha personaxe pasa da irritación a saciarse das elucubracións mentais que pode crear co seu poder de funcionar para un sistema.

AIREnoAR presenta a estrea absoluta da obra do mesmo nome. Será os días 20 e 21 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Inquedos, activos e polifacéticos intérpretes e creadores, María Move e Álvaro Reboredo son protagonistas desta coreografía de Rut Balbís na que a escena se converte no medio onde corpo e voz, o físico e o emocional representan a dualidade do ser humano.

Venda de entradas e Bono Danza 2015
As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de espectáculo de 18:00 a 21:00 horas); en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e en cada unha das salas onde se celebre o evento o propio día. Os prezos varían en cada espectáculo.

Este ano ponse en marcha o Bono Danza 2015. Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo de 1 entrada por espectáculo) para o resto de das representacións do catálogo.

O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal ou na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo. É persoal e intransferible e non se pode acumular a outros descontos.

Direcciones relacionadas



Compartir: