DEPORTES

Máis de 850 persoas xa se inscribiron na Gladiator Race do Monte do Gozo

17/03/2015 A Gladiator Race, que se celebrará o vindeiro 27 de xuño no Monte do Gozo, tivo esta mañá a súa presentación oficial ante os medios. O acto, celebrado no Hotel Puerta del Camino, contou coa presenza do organizador do evento, o ex ciclista do Xacobeo Galicia e presidente de AD Top Ten Sports, Serafín Martínez; da concelleira de Deportes de Santiago, María Corral; e representantes dalgunhas das empresas patrocinadoras como Lina Portela (Augas de Mondariz), Xosé Santiso (Fogar do Santiso) e Sonia Fernández (Arestora).

Durante o almorzo cos xornalistas, Serafín Martínez amosou a súa satisfacción pola gran expectación levantada pola Gladiator Race en Galicia e no resto de España. Mostra diso é que, dende a apertura do prazo de inscrición o pasado 5 de marzo, máis de 850 persoas xa reservaron a súa participación na carreira, o que supón máis de 2/3 das 1200 prazas ofertadas. Polo tanto, é moi probable que as inscricións se esgoten con anterioridade ao peche das mesmas, previsto para o 24 de xuño. Tamén destacou que a web oficial da proba (www.gladiatorrace.es) recibiu máis de 37.000 visitas.

Ademais, a organización quixo aproveitar esta ocasión para estrear ante os medios o vídeo promocional da Gladiator Race, grabado no Monte do Gozo e protagonizado polo actor e humorista galego David Amor.

Acordo de descontos con RENFE
Dado o interese espertado polo evento, a organización e RENFE chegaron a un acordo mediante o cal ofrécese aos inscritos no evento un desconto do 30% no billete de tren para desprazarse ata Santiago de Compostela. A promoción poderá aplicarse nas viaxes de ida realizadas dende dous días antes da celebración da proba, e nas de volta, ata dous días despois. Para beneficiarse deste prezo especial, os inscritos deberán realizar unha solicitude a través do correo electrónico prensa@gladiatorrace.es.

Serafín Martínez tamén destacou que están a punto de pechar diversos acordos con establecementos hoteleiros da cidade para ofrecer prezos especiais no aloxamento aos participantes da Gladiator Race.

Algo máis cunha proba deportiva
O Monte do Gozo, punto de partida do tramo urbano do Camiño que conduce aos peregrinos ata o Obradoiro, converterase o 27 de xuño, a partir das 16:30 horas, no escenario da proba deportiva máis espectacular do verán en Galicia. Todo aquel que senta con alma de gladiador e estea disposto a gozar dunha experiencia inesquecible, atopará nesta cita a resposta aos seus desexos de descarga de adrenalina. Nun mesmo evento combinaranse o deporte, a emoción, a competitividade, a aventura e, sobre todo, grandes doses de diversión.

Os participantes deberán superar un circuíto de 9 quilómetros, no que se mesturarán a práctica do trail running coa superación de 26 obstáculos naturais e artificiais. A saída realizarase de forma graduada. Desde as 16:30 h, cada 15 minutos, iniciará o desafío unha quenda de 150 persoas aproximadamente, tomando como referencia para iso, a orde de inscrición. Para poder participar será necesario ter cumprida a maioría de idade o día de celebración da proba.

A Gladiator Race non só é deporte, é unha experiencia única que se poderá vivir de forma individual ou en equipo. Para optar pola participación en grupo, será necesario crear un equipo mixto de polo menos 5 persoas. Os integrantes do mesmo manterán as súas marcas persoais para a clasificación individual, obténdose a clasificación do grupo mediante a suma dos tempos de cada membro, a condición de que, polo menos, 5 dos seus compoñentes terminen a carreira.

Participar de forma conxunta, unha modalidade pola que xa optaron máis de 30 equipos, ofrecerá a vantaxe de ter un compañeiro que axude a superar os obstáculos: arrastrarse polo barro, rubir por ramplas de madeira, subir por montañas de pneumáticos e moitas máis sorpresas e retos que os gladiadores irán descubrindo antes de alcanzar a meta. Todos os participantes recibirán unha camiseta, unha medalla finisher -que acredita terminar a proba- e, por suposto, o avituallamento líquido e sólido durante a competición.

A Gladiator Race é máis que deporte. Djs, grupos de animación, unha afección envorcada e unha espectacular festa final no Fogar do Santiso, complementarán un evento que nace coa intención de converterse nun clásico do verán en Galicia e referencia das carreiras de obstáculos celebradas en España.

Direcciones relacionadas



Compartir: