DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello celebrará os días da Árbore e da Auga cunha plantación no Parque Avilés de Taramancos e cun concurso de debuxo

17/03/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, acompañada polo acompañada responsable Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, e do xerente en Santiago de Ferrovial Servizos (concesionaria do mantemento de zonas verdes), Luis Incera presentou as actividades con motivo do Día da Árbore e do Día da Auga, que se celebrarán o 21 e o 22 de marzo, respectivamente. O acto central deste ano será una plantación de árbores no Parque Avilés de Taramancos. Ademais, convocouse un concurso de debuxo baixo o lema "A auga e as árbores en Santiago".

O obxectivo da celebración do Día da Árbore é lembrar a importancia das árbores e dos bosques, e promocionar a conservación das zonas verdes da cidade. Así, como cada ano, realizarase unha plantación de árbores e arbustos nun parque da cidade. Nesta ocasión será no Parque Avilés de Taramancos, na zona das Cancelas, o luns 23 de marzo, se a climatoloxía o permite. En caso contrario cambiaríase o día.

Plantaranse 15 bidueiros, 15 faias, 8 freixos, 10 maceiras, 10 cerdeiras, 10 pereiras, 15 cerquiños, 25 carballos, 7 capudres, 50 sangomiños, 50 xestas, 50 abeleiras e 35 acivros.

Pola súa proximidade, convidouse a participar nesta xornada ao IES Arcebispo Xelmírez II (alumnos de 1º e 2º da ESO) e ao CEIP das Fontiñas (alumnos de Educación Infantil e Primaria). A actividade consistirá na plantación de árbores autóctonas por parte dos escolares. Ao rematar ofreceráselle aos rapaces un pequeno almorzo e entregaranse agasallos e material didáctico conmemorativo desta Día da Árbore.

Concurso de debuxo
Tendo como marco esta celebración (21 de marzo) e tamén o Día da Auga, que se conmemora na xornada seguinte, convocouse un concurso de debuxo baixo o lema "A auga e as árbores", no que os escolares debían crear motivos relacionados coa importancia da auga e das árbores no equilibrio do noso planeta, especialmente nas zonas verdes de Santiago de Compostela.

Entre os deseños gañadores escolleuse o logo para os carteis e o material didáctico para promocionar as actividades destas dúas datas. Así, anunciouse que a gañadora do primeiro premio, agasallada cun diploma e cunha bicicleta, foi Amparo Giménez Hernández, alumna de 1º da ESO do Arcebispo Xelmírez II. Este debuxo, titulado "Outono", é a imaxe da campaña e das camisetas que se repartirán ese día.

Os mesmos regalos levarán a segunda clasificada, Alexandra Bugallo García, de 2º de Primaria do CEIP As Fontiñas, e os dous autores do debuxo galardoado co terceiro premio, Fernando Viqueira García e Gonzalo Domingo Díaz Malaguilla, alumnos de 3º de Primaria do CEIP As Fontiñas.

O xurado, presidido pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, outorgou seis accésits, premiados con diploma e patíns, a Beza Vaamonde Valado, do Xelmírez II; Sabela Ares Rodríguez, Lucía V. C., Martín Maceira García, Cardina Soliño Soliño Mosquera e Aldara Barros Picallo, os catro do CEIP As Fontiñas.

Os galardoados recibirán os seus agasallos nun acto no Concello previsto o propio día da plantación, o 23 de marzo.

Compartir: