SEGURIDADE E MOBILIDADE

Preto do 97% dos vehículos comprobados na campaña de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil cumpría coa normativa

16/03/2015 A Policía Local de Santiago finalizou o pasado domingo a campaña especial de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, instrumentos que reducen á metade o risco de morte en caso de accidente.

Durante a pasada semana foron controlados 3.739 vehículos, e de entre os condutores, o 95,99% facían uso do cinto de seguridade. No caso dos ocupantes, a estatística pon de manifesto que nos asentos dianteiros usaban o cinto o 99,02% e nos asentos traseiros o 99,71%, sempre facendo referencia aos vehículos controlados.

No que respecta aos nenos menores de 12 anos (ou cuxa estatura non exceda de 1,35 centímetros), viaxaban facendo uso de sistemas de retención infantil o 100% dos controlados. O resultado global que se extrae desta campaña é positivo, xa que o 96,85% cumpría coa normativa.

A Policía Local quere concienciar da importancia dun uso adecuado do cinto, pois, ademais de complementar a eficacia do airbag, é imprescindible nos asentos traseiros. Nun impacto frontal, a probabilidade de que un ocupante dos asentos de atrás golpee mortalmente a outro pasaxeiro dos asentos de diante pode ser ata oito veces maior e protexe tanto de saír despedido do habitáculo como de impactar contra o parabrisas. Ademais, o cinto alcanza unha máxima efectividade nos envorcamentos, onde se reduce un 77% o risco de morte.

Tamén resulta fundamental o bo uso das cadeiras para os nenos, e a concienciación comeza dende que os usuarios son ben pequenos. Neste sentido, a Policía Local colaborou o pasado venres nunha unidade didáctica coa escola infantil Picariños, onde se dirixiu a nenos de 2 a 3 aniños co obxectivo de contarlles dunha forma adaptada ás súas idades a importancia da educación viaria. Os alumnos aprenderon, a través dun conto e de varias cancións, a importancia de viaxar nos coches coas súas cadeiras e de non sacar os cintos mentres os seus pais e nais conducen.

Dende a Policía tamén se quere poñer de manifesto que son os proxenitores e familiares os responsables directos da utilización tanto dos elementos de retención infantil coma do cinto de seguridade por parte dos menores.

Compartir: