ALCALDÍA

O alcalde destaca a Carlos Maside como "figura clave do renacemento artístico e cultural da nosa Comunidade"

16/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu o acto de colocación dunha placa en homenaxe a Carlos Maside na casa onde vivirá o pintor, no número 42 da rúa do Vilar. Tal día como hoxe, hai 118, o artista nacía en San Xulián de Requeixo (Pontecesures).

"Debuxante, gravador, pintor.. é unha das referencias máis destacadas dentro das vangardas pictóricas galegas e figura clave do renacemento artístico e cultural da nosa Comunidade", apuntou o alcalde a propósito dun Carlos Maside fondamente ligado a Santiago de Compostela.

Lembrou a súa chegada ao número 42 da rúa do Vilar en 1932 e a súa estanza na cidade, que o leva a "participar en varios faladoiros, como os do café Derby e El Español, con artistas e intelectuais da época como Ánxel Casal, Valle-Inclán, Xosé Eiroa, Luís Seoane, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou García-Sabell, entre outros". Este centro histórico de Compostela, dixo, "foi motivo de inspiración para Maside".

"As súas rúas, prazas, monumentos e soportais constituían para el un escenario vital, ‘unha cuestión de espazo’, tal e como queda reflectido no texto da placa descuberta", indicou o alcalde. Ademais, recordou que "as súas visitas á carballeira de Santa Susana quedaron para a posteridade en numerosos apuntamentos que despois traspasaba aos seus lenzos, nos que destacaba como un recurso case permanente a figura feminina".

Hernández cualificou a Maside como "un adiantado artisticamente ao seu tempo", algo no que tivo moito que ver a súa estanza en París, onde "recibe influencias dos mestres do impresionismo que aplica á súa pintura, pero sempre sen perder a súa identidade galega".

"A Maside importáballe non só o resultado final da súa obra, senón tamén todo o seu proceso de elaboración, polo que se preocupaba de estudar e investigar os medios, e así chegou a establecer relacións con diferentes artesáns, marmoristas ou ebanistas da nosa cidade", indicou.

Froito da súa relación con diversos intelectuais da época é a cantidade de cartas manuscritas inéditas que atesoura a súa familia e que este ano verán a luz grazas ao Consorcio de Santiago. O alcalde rematou o acto lendo un fragmento dunha desas cartas, en concreto unha dirixida ao seu grande amigo Luís Seoane, que na súa opinión retrata moi ben a súa consideración da arte:

"Creo que hai que pintar aquilo que amamos entrañablemente; que nos ata co seu misterio e alegría; que mete as súas raíces en nós e as súas ansias de florecer na alma. Iso que sentían Rambrandt ou Van Gogh por exemplo: a vida coa súa forza e o misterio".

Para Hernández "foi esa vida a que el dedicou á arte e a Galicia", a cal se lembra coa placa descuberta para que "a súa memoria se manteña e a súa obra siga a ser un referente histórico e cultural para o futuro".

Compartir: