CULTURA

Joan Rodgers e Roger Vignoles interpretan obras de Schumann, Mozart, Mussorgski e Shostakovich no concerto inaugural do VII Ciclo de Lied

14/09/2006 Protagonismo ruso na primeira noite do Ciclo de Lied no Principal. Ademais de pezas de Schumann e Mozart, a soprano Joan Rodgers e o pianista Roger Vignoles incluirán no seu repertorio as cancións de "O cuarto dos nenos" compostas por Mussorgski en 1873 e as 'Sátiras' de Shostakovich.

Roger Vignoles acompañará co piano a voz da súa compatriota Joan Rodgers. A cantante británica ten ofrecido recitais por toda Europa e Estados Unidos e concertos con directores como Solti, Barenboim, Mehta, Harnoncourt, Mackerras, Ashkenazy, Salonen ou Rattle.

É unha asidua invitada ao BBC Proms e traballa con regularidade coas principais compañías de ópera: Royal Opera House Covent Garden, English National Opera e Glyndebourne en Reino Unido, e París, Múnic, Bruxelas, Ámsterdam, Viena ou Metropolitan en Nova York.

Entre as súas gravacións destacan a "Triloxía Da Ponte" de Mozart, con Daniel Barenboim e a Filharmónica de Berlín, "The Turn of the Screw", recitais de Tchaikovski, Mozart e Wolf', "A Creación" e cancións de Rachmaninov con Howard Shelley.

Recibiu o Royal Philharmonic Society Award como Cantante do Ano en 1997 e o Evening Standard Award do mesmo ano pola extraordinaria calidade da súa interpretación operística. Na New Year’s Honours List de 2001 foille outorgada a Cruz do Imperio Británico.

Compartir: