TURISMO

O aeroporto de Santiago alcanza os 40.000 pasaxeiros en rutas internacionais ata febreiro, un 11,41% máis que no 2014

14/03/2015 O aeroporto de Santiago moveu 39.693 pasaxeiros nas conexións internacionais directas do aeroporto operativas nos meses de xaneiro e febreiro. Esta cifra supón un crecemento acumulado do 11,41% respecto dos 35.627 pasaxeiros que houbo nestas conexións internacionais no 2014. Con respecto ao 2013, o crecemento nestes dous primeiros meses do ano foi do 50,05%, xa que naquel período o número de pasaxeiros foi de 26.453.

No mes de febreiro deste ano, o número de pasaxeiros nas conexións internacionais foi de 17.798, un crecemento do 10,20% respecto de febreiro do ano pasado. O aumento de pasaxeiros debeuse a un crecemento xeneralizado nas diferentes conexións. O crecemento con respecto a febreiro do 2013 foi do 39,58%.

O crecemento nos dous primeiros meses do ano débese tanto a un aumento xeneralizado nas diferentes conexións internacionais como á ampliación de rutas en xaneiro co Nadal, que non estiveron dispoñibles en anos anteriores, como Bruxelas, Ámsterdam e Roma.

Entre as diferentes conexións, destaca o crecemento do 29,06% que houbo na ruta a Frankfurt nos dous primeiros meses do ano. Entre xaneiro e febreiro deste ano moveu 4.308 pasaxeiros, case mil pasaxeiros máis que no mesmo período do 2013. Tratase dun bo sinal para as novas conexións que o aeroporto de Santiago estreará este ano con Alemaña: Düsseldorf, Múnich e Berlín.

O crecemento acumulado nos dous primeiros meses do ano vai na liña dos obxectivos municipais con respecto ao tráfico internacional no aeroporto de Santiago. O obxectivo para este ano é superar por terceiro ano consecutivo o récord de pasaxeiros nas conexións internacionais, chegando por primeira vez ao medio millón.

Esta cifra pode conseguirse grazas a que este ano será o de maior conectividade internacional, con 18 rutas directas con mercados turísticos estratéxicos para a cidade, que serán operadas por seis compañías. Vueling: Roma, Düsseldorf, Munich, Berlín, París, Amsterdam, Bruxelas e Zurich; Easyjet: Roma, Londres, Xenebra e Basel; Ryanair: Londres, Frankfurt e Milán; Aer Lingus: Dublín; Turkish Airlines: Estambul; e Swiss: Zurich.

O crecemento do tráfico internacional é tamén un dos motivos polos que o aeroporto de Santiago está vivindo un novo período de crecemento no seu tráfico total de pasaxeiros. O mes de febreiro é o undécimo mes consecutivo de crecemento, cun aumento do 7,4% que lle permitiu chegar ata os 120.061 pasaxeiros.

Compartir: