ALCALDÍA

Máis de 400.000 euros en axudas para a rehabilitación doutras 21 vivendas no Casco Histórico de Compostela

14/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou, xunto coa ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto de sinatura dos acordos de áreas de rexeneración e renovación urbana no marco do Plan Estatal 2013-2016 en Galicia. No caso de Santiago, o documento asinado permitirá a rehabilitación doutras 21 vivendas no Casco Histórico, achegando 417.280 euros entre as tres administracións para un custo total de 651.280 euros.

O acordo, ratificado previamente pola Xunta de Goberno, recolle axudas dirixidas a actuacións incluídas en convenios anteriores xa cualificadas provisionalmente e que aínda non se teñan xustificado. Neste caso, ao Concello de Santiago só lle afecta a unha fase, a número 13, incluída nun convenio de 2011, xa que as actuacións incluídas nos ámbitos de Vista Alegre e de Pontepedriña foron xa todas xustificadas.

Esta fase 13, que é obxecto do novo convenio para a anualidade de 2015, inclúe a rehabilitación de 21 vivendas, cun custo total de 425.846 euros, para a que o Ministerio de Fomento achega axudas por importe de 124.938 euros, a Xunta 67.011 euros e o resto correspóndenlles aos particulares que acometen as obras.

Dentro do convenio inclúese tamén unha axuda de 10.500 euros (500 € por vivenda) para financiar o custo dos equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social, que afronta o Concello de Santiago e que supón un custo total de 225.434 euros.

En total, o acordo recolle unha achega das tres administracións de 417.383 euros que, xunto coa achega dos particulares beneficiarios, supón a mobilización de 651.281 euros.

Estas axudas enmárcanse no Plan Estatal de Fomento do Aluguer de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013-2016, que dá continuidade á figura das áreas de rehabilitación e permite aos posibles beneficiarios acceder ás novas liñas de financiamento.

Compartir: