CULTURA

Teatro, música, contos e humor na programación cultural da fin de semana

13/03/2015 Esta fin de semana, completa programación cultural, con sete citas citas de teatro, música, contos e humor. A xornada de sábado comezará no Auditorio de Galicia ás 18:00 horas, co violinista Ara Malikian dentro do ciclo Infantil & Familiar. Despois, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, vez para o ciclo Sons’15, que nos ofrece a presentación do novo disco de Coanhadeira, Bicos con luvas. Á mesma hora, no Salón Teatro, estrea absoluta de Xardín suspenso dentro do Bono de Teatro Galego, e xa ás 21:30 horas, na Sala Capitol e dentro do Compostela Rock, concerto de Freedonia. Na xornada do domingo, ás 18:00 horas, no Salón Teatro, unha nova función de Xardín suspenso; ás 19:00 horas, na Zona C, proposta do Festival de Narración Oral Atlántica e, ás 20:30 horas, no Auditorio Abanca, Miki Nadal presenta a súa Mikipedia dentro de Falabaratos.

Ara Malikian presenta 15 este sábado, ás 18:00 horas, no Auditorio de Galicia. Brillante e expresivo, cun estilo propio e orixinal forxado a partir das súas orixes e vivencias, Ara Malikian é un persoeiro singular na escena musical actual. Agora celebra o seu décimo quinto aniversario en España cun concerto que ten para el un significado especial e no que inclúe o mellor destes 15 anos de intensa actividade. A idea central de 15 segue a ser, coma sempre, achegar a música clásica a todos os públicos… O repertorio do concerto está baseado en obras clásicas, composicións propias e adaptacións para orquestra de música popular do século XX.

O prezo da entrada é de 16 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o día do espectáculo dende as 16:30 horas.

Xardín suspenso no Bono de Teatro Galego
Cándido Pazó dirixe Xardín suspenso, a nova proposta do Centro Dramático Galego. Unha historia de amor. Un amor non correspondido ao que se entrega Lucía, unha arquitecta nova que investiu todas as enerxías na construción dun depurado xardín sen plantas. Ao mesmo tempo, é unha navalla certeira (de cociña) dirixida ao corazón das verdades que adoitamos dar por adquiridas e das aparencias que non ousamos deixar de vestir cada vez que saímos de casa. Abel Neves axita as relacións familiares e o micro-cosmos no que se sostén a nosa (in)felicidade. E confróntanos co poder das palabras simples, palabras que xorden case sen nos decatar e que á mínima fenda poden converterse en coitelos letais.

Haberá función sábado ás 20:30 e domingo ás 18:00 horas, e volverá repetirse función os seguintes venres, sábado e domingo do mes de marzo. As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 euros domingo, día do espectador) e ademais entran dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ou no salón Teatro os días de representación dende dúas horas antes de que comece a función.

Coanhadeira presenta Bicos con luvas
Nalgúns lugares de Galicia, as coañadeiras eran aquelas mulleres responsables de varrer os restos do cereal logo das duras xornadas da malla. Tamén recibían ese nome as vasoiras que empregaban e, no fondo, o grupo Coanhadeira naceu en 2006 con ese mesmo espírito de recollida e vive entregada a amosar aqueles "restos" musicais conservados até os nosos días a través da tradición oral. Con Bicos con luvas pretenden realizar unha nova achega á música feita en Galicia, facer bailable calquera lugar e ateigar os escenarios dun poder percusivo, de letras sorprendentes e atmosferas sutís co selo de calidade propio de Coanhadeira.

As entradas para este concerto teñen un prezo de 5 euros anticipada e 7 o día do evento. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas).

Freedonia no Compostela Rock
Freedonia é soul. Unha banda con dez músicos que malgastan forza e sentimento no escenario. Caracterízase polo seu potente directo, o que os levou a contar co apoio incondicional do público desde o principio. Un público que abarrota os seus concertos, e que fai que se esgoten as entradas case sempre que tocan. Presentan o seu último traballo, Dignity and Freedom
As entradas para o concerto poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h) en A Reixa Tenda, en Ticketea e na Sala Capitol. O prezo é de 12 euros anticipada e 15 euros o día do concerto.

Yoshi Hioki no Festival de Narración Oral Atlántica
Contos chegados do afastado Xapón que, como as súas pinturas, reflicten o espírito desta cultura. Yoshi Hioki sinte como complementarias as súas actividades narrativas e pictóricas: "Neve, chuvia e unha flor de camelia... Os contos xaponeses son pinturas feitas polas palabras e o silencio. Pinturas que reflicten a alegría e a tristeza da vida mesma".

A entrada ten un prezo de 6 euros. Pode mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) o una Zona C o día do espectáculo.

Miki Nadal en Falabaratos
Despois de moito investigar e consultar en manuais clásicos e internet, Mikipedia nace da necesidade de crear unha nova enciclopedia virtual máis próxima á xente, sen termos técnicos difíciles e moito máis comprensible para o home do montón e o que está tirado no sofá. Por suposto, todo desde o punto de vista do humor e do pragmatismo. Miki Nadal comezou a súa traxectoria xunto a Pepe Navarro, pero a súa consolidación como humorista deuse a partir de 1999, cando empezou a traballar no lembrado programa El Informal. A partir de entón, traballou noutros programas televisivos como La Corriente Alterna, El Show de Flo, El Club de la Comedia, Cafetería Manhattan, Sé lo que hicisteis... e Zapeando.

As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no Auditorio Abanca o día do espectáculo dende as 18:30 horas. O prezo é de 15 euros (13 € no anfiteatro 2) en anticipada e 17 euros (15 € no anfiteatro 2) o día do evento.

Compartir: