PATRIMONIO

Santiago albergará o 16 de maio un concerto do II Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España

13/03/2015 A Raíña Dona Sofía presidiu en Alcalá de Henares o concerto con que se inaugurou o II Ciclo Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en colaboración coa Fundación Albéniz e coa Escola Superior de Música Reina Sofía. Este ciclo chegará a Santiago de Compostela o sábado 16 de maio, cun concerto do Cuarteto Medelssohn de BP, ás 20:00 horas, na igrexa da Compañía.

A concelleira María Jesús Sáinz asistiu a este concerto inaugural na capela de San Ildefonso da Universidade de Alcalá de Henares xunto con alcaldes e concelleiros das Cidades Patrimonio de España. Ademais da Raíña Dona Sofía, tamén presenciou o concerto a presidenta da Fundación Albéniz, Paloma O’Shea.

Este primeiro concerto correu a cargo do Grupo Voces Tempo de Fundación Orange, composto por Viviana Rojas, soprano; Alejandra Acuña, mezzosoprano; Emmanuel Faraldo, tenor; Juan David González, barítono e Ha Sun Choi, piano. O programa consistiu nun percorrido por recoñecidas obras de Falla, Guastavino, Puccini, Bizet, Verdi e Donozetti.

A mellor música de cámara en espazos emblemáticos
O ciclo é froito da colaboración iniciada en 2014 entre o Grupo Cidades Patrimonio e a Fundación Albéniz para a programación de actividades musicais de calidade a cargo de novos talentos no marco dos proxectos culturais que vén desenvolvendo a asociación a través da súa Comisión de Cultura e Educación. Levará de forma gratuíta para o público unha selección da mellor música de cámara a espazos históricos, civís e relixiosos das 15 cidades españolas distinguidas pola como Patrimonio Mundial da UNESCO, que servirán de escenarios excepcionais para a celebración destes concertos de música de cámara.

Estes espazos devólvense ao uso e desfrute cidadán e cobran o seu sentido como espazos culturais, nunha fórmula que combina patrimonio histórico español e cultura musical universal, moi eficaz para favorecer o achegamento do público a estes lugares tan especiais das Cidades Patrimonio. Con esta actividade, as cidades da asociación suman á súa potente oferta cultural un activo máis, co atractivo da vinculación entre Patrimonio e Música.

Os grupos seleccionados para a segunda edición do ciclo pola Dirección Artística da Escola Reina Sofía tocarán baixo diversas formacións, en dúo, trío con piano, cuarteto de cordas, cuarteto de piano, quinteto de piano e quinteto de ventos: Elina Sitnikava, violín e David Bekker, piano; David Martín, violonchelo, e Miguel Ángel Ortega Chavaldas, piano; Abel Rodríguez, Sergi Maiboroda, violíns, e Ricardo Ali Álvarez, piano; Cuarteto de Contrabaixos Dittersdorf de Unidad Editorial; Cuarteto Mendelssohn de BP; Cuarteto Albéniz de Prosegur; Cuarteto Van Kuijk; Cuarteto Óscar Esplá de Asisa Cuarteto de Contrabaixos Dittersdorf de Unidad Editorial; Quinteto Reicha; Quinteto Danzi; Grupo Ricercata; e o mencionado Grupo Voces Tempo de Fundación Orange.

Este ano, os espazos seleccionados para albergar o ciclo son: o Hospital de Tavera de Toledo, o Museo El Costurero de Mérida, o Antiguo Convento de Santo Domingo de San Cristóbal de La Laguna, a Igrexa de San Miguel de Cuenca, a Igrexa de San Francisco Javier de Cáceres, a Sala Refectori de Ibiza, o Auditorio de San Blas de Salamanca, a Capela de San Ildefonso da Universidade de Alcalá, a Casa de Andrés Laguna de Segovia, a Igrexa dos Xesuítas de Santiago de Compostela, a Igrexa da Magdalena de Córdoba, o Auditorio de San Francisco de Ávila, o Palacio Canals de Tarragona, a Basílica de Santa María dos Reais Alcázares de Úbeda e a Igrexa de San Pablo de Baeza.

Compartir: