CONSORCIO

O Consorcio finaliza as obras na igrexa de Santa Mariña de Verdía, centradas na restauración do retablo e na eliminación de humidades no templo

13/03/2015 Dentro das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo fóra da cidade histórica, acaban de rematar varias intervencións na igrexa de Santa Mariña de Verdía, localizada na parroquia do mesmo nome, a uns dez quilómetros ao norte da cidade. Trátase, por un lado, da restauración do retablo maior, de orixe barroca, cun orzamento de 19.178,50 euros. Ademais, mellorouse a cuberta e as revocaduras exteriores e interiores do templo para resolver os problemas de humidade que afectaban ao inmoble, traballos que alcanzaron os 40.140 euros.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago que coordinou estes proxectos, Idoia Camiruaga, sinala que a intervención no retablo, que se atopaba nun proceso de degradación activo, estaba destinada a recuperar a súa estética orixinal e a garantir a súa conservación no tempo. "Presentaba problemas de ancoraxe, con alteración de materia e perda de soporte en diversos puntos. Había gretas e separación entre as pezas estruturais como consecuencia dos movementos naturais da madeira e a oxidación do soporte, por estar en contacto con cravos envellecidos", explica. Ademais, a madeira estaba sometida ao ataque dos xilófagos.

Debido á existencia de perdas de soporte, contouse coa axuda dun carpinteiro que ensamblou de novo as pezas e reintegrou zonas localizadas mediante reposición de madeira nova, en particular de carballo. Por outro lado, recuperouse a policromía orixinal do conxunto, xa que o retablo e as diferentes esculturas que o compoñen foran repintados en períodos diferentes e ocultaban a capa de policromía e os dourados orixinais.

Ao desmontar o retablo para a súa restauración, achouse, na parte posterior, unha pintura mural que representa unha Anunciación. "A calidade do trazado é moi boa, as cores son sólidas e a composición é clásica, de estilo renacentista italiano. A escena é susceptible de recuperación mediante labores de restauración, polo que se optou por montar o retablo un pouco adiantado con respecto á súa posición de orixe, co fin de deixar espazo propio á pintura mural", apunta a arquitecta. Por este motivo o retablo restaurado aínda non se montou, xa que dificultaría os labores de restauración das pinturas murais.

Os efectos da humidade no templo
O aspecto exterior do edificio, sobre todo pola súa cara sur, víase moi degradado debido á cantidade de fungos e algas que colonizaban a superficie das revocaduras, que estaban moi fisuradas e desprendidas. Pola súa parte, a fachada principal, que é de pedra, someteuse a unha limpeza. As demais fachadas tamén presentaban problemas coas revocaduras, a pesar de que a humidade non lles afectou tanto como á orientada cara ao sur. Así, elimináronse e reparáronse todas as revocaduras danadas e aplicouse un acabado final a base de pinturas minerais, cal e silicatos.

Ademais, a cuberta requiría labores de mantemento, polo que se substituíu a tella deficitaria, en especial no faldrón norte, onde finalmente se cambiou toda a tella. E levouse a cabo unha revisión e limpeza do sistema de recollida de pluviais, canlóns e baixantes; así como do sistema de drenaxe perimetral exterior, que se repuxo por completo. E, co fin de mellorar a seguridade do edificio, instalouse un pararraios.

Dentro da igrexa, a humidade era alta. Elimináronse as revocaduras da parte baixa dos muros, deixando una franxa duns 40 centímetros para aumentar a aireación da súa fábrica. Por último, quitouse a pintura de toda a superficie dos muros da nave e do presbiterio para aplicar unha pintura mineral, permeable ao vapor de auga pero non á auga en estado líquido.

Compartir: