SERVIZOS SOCIAIS

Entrega de diplomas aos participantes noutra edición do programa de emprego Acceder

13/03/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, clausurou o acto de entrega de diplomas do programa Acceder, celebrado na sede compostelá da Fundación Secretariado Xitano. Trinta persoas recibiron a credencial pola súa formación teórica e práctica en Dependente de comercio, Controlador de accesos, Acompañante de transporte escolar, Auxiliar de estética e Camareiro de sala e banquetes.

O acto de entrega enmárcase no programa de formación e emprego Acceder, da Fundación Secretariado Xitano, cuxo obxectivo é promover a incorporación efectiva da poboación xitana ao mercado laboral e que, ademais de en Santiago de Compostela, está presente noutras 49 localidades.

Acceder púxose en marcha en Santiago de Compostela en 2004 grazas á colaboración de da Concellería de Servizos Sociais, logrando resultados notables. No ano 2014 realizouse un enorme esforzo formativo para mellorar o nivel de empregabilidade das persoas participantes, enfocado a dotar os participantes de capacidades técnicas básicas para poder acceder aos certificados de profesionalidade e a obter o graduado.

Proba disto é a posta en marcha dun proxecto novidoso e pioneiro de formación e emprego dentro do Acceder, "Aprender Traballando", experiencia mixta de formación e emprego, co resultado de 16 persoas formadas durante seis meses no sector comercial nas empresas Vegalsa e Alcampo.

Compartir: