PROMOCIÓN ECONÓMICA

Comeza a súa andaina "O mundo da cor", unha academia de pintura nacida a raíz do proxecto Equal Compostela Social

14/09/2006 "O mundo da cor" é unha das máis de dezaseis iniciativas xurdidas nos últimos tempos dentro do proxecto Equal Compostela Social, que coordina a concellaría de Promoción Económica e Emprego e no que participan outras entidades e organismos da cidade, así coma varios concellos da bisbarra compostelá.

A emprendedora do proxecto é Sara Paz Seco, unha muller con longa experiencia no mundo da docencia artística, tanto en Galicia como en Arxentina, país no que viviu a maior parte da súa vida. Sara Paz está moi vinculada tamén ao ámbito social a través da súa presenza como docente en diversas entidades sen ánimo de lucro, como a Asociación Contra o Cancro, coa que vén colaborando nos últimos tempos.

Na escola impartirase formación en pintura nas diferentes técnicas existentes, e tamén de gravado e escultura. As clases van dirixidas a persoas de todas as idades, aínda que os alumnos estarán divididos en grupos para facilitar unha aprendizaxe máis adaptada e eficaz: "Para os nenos de entre 6 e 8 anos haberá un grupo específico no que se buscará familiarizalos coa pintura e espertar o gusto polo artístico, mentres que para os rapaces de 8 a 15 anos, que xa veñen porque teñen interese propio, as clases irán enfocadas a un ensino máis técnico. Para os adultos tamén distingo dous grupos, os que teñen verdadeira vocación pola pintura, e os que veñen por unha razón máis terapéutica, na que a pintura pode axudar moito", explica Sara Paz.

A artista pretende que o traballo que leva desenvolvendo desde hai anos con colectivos afectados por diferentes enfermidades non se perda, e asegura que "grazas á pintura se consegue que recuperen a autoestima que moitas veces a súa situación persoal fai que perdan. Non quero que nesta nova etapa esa vertente terapéutica desapareza, aínda que iso supoña unha redución nos posibles ingresos".

A escola abrirá xa neste mes de setembro para formalizar as inscricións de cara ao curso académico, e en outubro comezarase coa impartición de clases. Na busca dunha aprendizaxe o máis personalizada posible, nas aulas só se traballará cun máximo de seis persoas a un tempo. "O mundo da cor" está situada nas galerías Lúa, na compostelá rúa de Alfredo Brañas.

Asesoramento desde o Equal

Sara Paz entrou como beneficiaria de Equal Compostela Social na súa primeira fase, xa que cumpría sobradamente co perfil para o que estaba pensado o proxecto, dirixido preferentemente a mulleres, parados de longa duración e emigrantes retornados, entre outros requirimentos. "Cheguei ao proxecto cunha idea completamente distinta na cabeza, pero as titoras axudáronme a transformar esa idea inicial nalgo máis real e alcanzable", indica Sara Paz.

A emprendedora quere destacar o grao de implicación das titoras do proxecto Equal nas iniciativas presentadas polos usuarios, e asegura que sen a súa axuda "isto nunca tería saído adiante". Ademais da formación e o asesoramento recibidos, Sara Paz dispuxo dunha serie de axudas económicas para a posta en marcha do negocio, algunhas saídas directamente dos fondos dos que dispón Equal Compostela Social e outras xestionadas con terceiros a través do proxecto.

O primeiro chanzo dun proxecto maior

"O mundo da cor" é o proxecto inicial dunha idea moito máis ambiciosa. Sara Paz é a viúva de Carlos Bóveda, un pintor galego falecido hai dous anos e que desenvolveu a súa obra principalmente en Arxentina. A familia de Carlos Bóveda conserva a meirande parte da súa obra, e pretende que a fundación sexa a principal vía para dala a coñecer e compartila con toda a sociedade galega.

O proxecto está bastante avanzado, e só quedan por concretar cuestións como a ubicación física da sede da fundación e a conformación do patronato que a dirixirá, e para o que Sara Paz está tratando de recabar o compromiso das diferentes administracións. Unha vez creada a fundación, a academia de pintura pasará a integrarse dentro da súa estrutura, asegurando así a dimensión didáctica que a viúva de Carlos Bóveda pretende darlle a esta entidade.

Compartir: