XUNTA DE GOBERNO

O alcalde indica que a nova ordenanza de tramitación de licenzas urbanísticas fará que "sexa máis fácil e máis rápido que nunca emprender un negocio en Santiago"

13/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a aprobación inicial pola Xunta de Goberno dunha nova Ordenanza reguladora da tramitación das licenzas urbanísticas e outras formas de intervención administrativa. Esta norma, que axilizará a tramitación na posta en marcha das actividades e obras de acondicionamento de locais, fará que "sexa máis fácil e máis rápido que nunca emprender un negocio en Santiago".

"Dende o Concello tratamos con esta norma facilitar a posta en marcha de actividades e obras ligadas ao acondicionamento de locais, que non requiran obras maiores, para eliminar trabas e axilizar os trámites", apuntou o alcalde sobre unha Ordenanza reguladora da tramitación das licenzas urbanísticas motivada pola necesidade de adaptarse á lexislación europea na materia.

Deste xeito, as actividades poderán iniciarse sen previa licenza municipal, cando se teña presentado unha comunicación de actividades. No caso de obras menores, cando transcorran 15 días dende a presentación sen necesidade de esperar trámite ningún.

Non se lles aplicará o novo réxime e, polo tanto, estarán suxeitos a licenza previa, as obras que afecten á protección do patrimonio histórico-artístico declarado, medio ambiente, seguridade ou accesibilidade.

Entre outros aspectos, a nova ordenanza regula as consultas previas en materia de urbanismo, os dereitos dos solicitantes e a obriga de resolver as licenzas en tres meses. Tamén se establece o reforzo, regulación e previsión das tarefas de control das actividades sometidas a declaración/comunicación, para evitar falsidades, omisións ou incumprimentos.

O alcalde destacou que, grazas a esta norma, "o Concello disporá por primeira vez na súa historia dun instrumento unificado para regular a tramitación de todo tipo de licenzas urbanísticas (obras, actividades, información urbanística, etc…). Ademais, supón "a eliminación de trabas burocráticas innecesarias, liberalizando o exercicio de actividades de servizos, en sintonía cos mandatos da UE, e contribuíndo a dinamizar a actividade económica".

Informe de Avaliación de Edificios
Tamén no eido urbanístico, a Xunta de Goberno deu o visto bo inicial a unha nova Ordenanza reguladora do Informe de Avaliación de Edificios, que vén a dar cumprimento á normativa actualmente en vigor, e de forma especial ao disposto pola Lei 9 a Lei 8/2013, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovacións Urbana, que impón aos concellos a obriga de regular, mediante ordenanza municipal, o deber de inspección técnica periódica das edificacións para determinar o seu estado de conservación, o cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e o grao de eficiencia enerxética. "Este novo Informe de Avaliación –dixo- vén a substituír á actual Inspección Técnica de Edificacións (ITE), que non contemplaba a situación do edificio en relación coa accesibilidade nin a eficiencia".

A norma municipal obriga aos propietarios de edificios de vivenda colectiva cunha antigüidade superior aos 50 anos a realizar un informe de avaliación no prazo máximo de cinco anos dende a data que acaden esa antigüidade. Tamén obriga aos titulares de edificios que queiran acollerse a axudas públicas, co obxectivo de acometer obras de conservación, accesibilidade ou eficiencia enerxética.

"A ordenanza vai favorecer a seguridade pública e a imaxe urbana para evitar a degradación urbanística e social do municipio; e tamén, de maneira directa e inmediata, a saúde dos propios moradores das edificacións e da súa economía, que tamén se verá beneficia pola eficiencia e o aforro enerxético", indicou.

Tanto esta ordenanza como a relativa ás licenzas deberán ser aprobadas inicialmente polo Pleno, abríndose logo un período de información pública, por un prazo mínimo de 30 días, para a presentación de reclamacións e suxestións. Estudadas estas, o Pleno ratificará as normas de xeito definitivo.

Documentos relacionados



Compartir: