CULTURA

"Recreios: músicas emerxentes alén da raia", noite lusa con Paus e Coelho Radioactivo

12/03/2015 A banda lisboeta Paus actuará en Santiago de Compostela nun concerto, organizado por Desconcierto Cultural en colaboración co Concello de Santiago, dentro do ciclo Compostela Rock. Será este venres 13, ás 21:00 horas, na Zona C, nun concerto no que, baixo o nome Recreios: músicas emerxentes alén da raia, estarán tamén Coelho Radioactivo.

Paus é un grupo que combina unha música próxima ao hardcore xunto con psicodelia e ritmos tropicais. O recurso da dobre batería, como trazo definidor, converte os seus directos nun espectáculo ao que xa recorreron en importantes festivais internacionais. Fichados por El Segell do Primavera Sound, este novo grupo xa teloneou a bandas tan prestixiosas como Radiohead ou Caribou e percorreu EEUU nunha extensa xira.

A súa combinación de ritmos festivos e bailables, con formulacións avant garde, fan que esta banda se poda relacionar con conxuntos como Delorean, especialmente na súa última etapa. A amálgama de percusións e baixo sobre os que se deslizan uns teclados etéreos converte a Paus nunha cita imprescindible que fará crebar o xeo do final do inverno compostelán.

Paus terán como artista invitado a un compatriota, Coelho Radiactivo, unha proposta cun carácter máis intimista cuxa delicada e suxestiva voz serán o contrapunto perfecto á exuberancia dos lisboetas. João Sousa, o nome propio que se esconde tras o pseudónimo Coelho Radioactivo, procede de Aveiro e caracterízase polo seu folk experimental no que con frecuencia se axuda de pedais de loops e cacharraría do máis variada.

Entre os seus principais referentes, atópanse grandes nomes como Bob Dylan, Tom Waits ou Leonard Cohen. Esta base doctrinal norteamericana aderézaa con intervencións electrónicas, ritmos de cabaret e circenses, e uns arranxos minuciosos que parecen achegarnos, en ocasións, á tradición musical da Europa do Leste. En Compostela presentará Canções mortas, traballo do que xa se pode escoitar o single "Sangue".

As entradas teñen un prezo de 10 euros anticipada e 13 euros o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, na Reixa Tenda, en Ticketea e o día do concerto na propia Zona C.

Compartir: