COMERCIO

O artesán Francisco Porto deseñará a figura conmemorativa dos Premios ao Comercio

12/03/2015 Os gañadores dos Premios ao Comercio Compostelán deste ano recibirán unha figura conmemorativa deseñada polo artesán Francisco Porto Paredes. O xurado que elixiu a figura gañadora estivo formado por representantes do Concello e das asociacións comerciais da cidade.

Este é o cuarto ano no que se convoca un concurso entre os artesáns da cidade, coa novidade este ano de abrilo ademais a estudantes das ramas artísticas que cursen os seus estudos en centros composteláns, para o deseño da figura conmemorativa dos Premios ao Comercio que se entregarán o próximo 8 de abril no Pazo de Raxoi.

Os Premios ao Comercio Compostelán deste ano seguen a liña do ano pasado. Cada día publícanse os resultados dos primeiros postos das categorías Comercio de Barrio e Comercio Agarimo durante o mes e medio en que o prazo para as votacións permanece aberto para incrementar así o dinamismo nas votacións e fomentar a participación da cidadanía e dos propios comercios que animan diariamente aos seus clientes para que os voten.

A participación e dinamismo e en consecuencia éxito de público deste programa de dinamización comercial Santiago Comercio de Cine exprésase en cifras. No ano 2012 houbo 267 votacións nas categorías Comercio Agarimo e Comercio de Barrio. En 2013 976 votacións e o ano pasado contabilizáronse 1.639 votos.

A día de hoxe xa constan 28 comercios inscritos e 1002 votos emitidos. O prazo para a presentación de candidaturas e de votacións permanecerá aberto ata o día 20 de marzo inclusive.

Pode presentar a súa candidatura ou realizar a súa votación na páxina web www.santiagocomerciodecine.com.

Flocos de millo
Como acción de dinamización complementaria, este venres, en horario de 16:00 h a 20:00 horas, haberá na praza de Galicia un carriño de flocos de millo para que poidan desfrutar delas grandes e pequenos, co ánimo de converter a cidade un pouquiño máis nunha auténtica sala de cine onde se proxecta a película do mellor comercio compostelán.

Compartir: