CONSORCIO

O mestre catalán Antoni Ros Marbà dirixe esta semana a Real Filharmonía de Galicia

12/03/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. Hoxe xoves a orquestra desprazarase a Pontevedra, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:30 horas. E mañá venres tocará en Santiago, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o mestre catalán Antoni Ros Marbà, que foi director titular da RFG durante 14 anos. Na actualidade é profesor e director titular da Cátedra de Orquestra de Cámara Freixenet da Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid.

As dúas actuacións comezarán co Concerto para violoncello en Si menor do compositor bohemio Antonín Dvorák (1841-1904), considerado o principal representante do nacionalismo checo na música. É un dos seus concertos para este instrumento máis coñecido e interpretado. Dedicoulle os seus últimos meses de estancia nos Estados Unidos, mentres se fixo cargo da dirección do Conservatorio de Nova York. Aínda que concibido e escrito nos EEUU, esta obra non contén elementos folclóricos americanos, como outras das súas obras alí compostas, senón que rezuma esencias bohemias, como se quixera expresar o seu desexo de regresar á súa patria.

A historia deste concerto está moi ligada a un episodio da vida de Dvorák. Mentres traballaba na súa composición, recibiu a noticia de que a súa cuñada Josefina Cermáková, da que estivera profundamente namorado, se atopaba moi enferma. Ela preferira casar cun aristócrata e, con posterioridade, Dvorák casou coa súa irmá menor, Anna. Non obstante, decidiu renderlle unha homenaxe musical a Josefina nesta obra, insertando a súa canción favorita, Déixame só, que el mesmo compuxera uns anos antes.

Pablo Ferrández ao violoncello
A orquestra acompañará nesta obra ao violoncellista madrileño Pablo Ferrández, de tan só 24 anos. Iniciou os seus estudos musicais aos tres anos no seo familiar. Aos 13 anos ingresa na Escola Superior de Música Raíña Sofía, onde se lle premiou como o estudante máis destacado durante catro anos consecutivos.

Na actualidade continúa a súa formación en Alemaña. Ten traballado baixo a batuta de grandes mestres e colaborado con agrupacións musicais de España e de diferentes países europeos. Recentemente recibiu varios galardóns musicais en Suíza e Finlandia. Toca o Stradivarius Lord Aylesford de 1969, cedido pola Fundación Musical Nipona.

A sinfonía máis romántica de Dvorák
Os concertos en Santiago e Pontevedra concluirán coa Sinfonía nº 7 de Antonín Dvorák, probablemente a súa sinfonía máis romántica e pola que sentía unha especial predilección. Composta en 1885, é unha obra apaixonada, forte, turbulenta, dura e moi romántica. No seu trasfondo agóchanse feitos recentes na súa vida como a morte do seu fillo e da súa nai, xunto coa paixón patriótica que sentía polo seu pobo. Foi un encargo da Sociedade Filarmónica de Londres, cidade na que se estreou con enorme éxito o 22 de abril de 1885 no St. James’s Hall de Londres, baixo a dirección do propio Dvorák.

Charla previa
Antes da celebración do concerto do venres en Santiago, o violoncellista Pablo Ferrández manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: