CULTURA

Compostela acolle este sábado os XXIV Premios Irmandade do Libro

12/03/2015 A Federación de Librarías de Galicia celebra este sábado 14 de marzo, ás 18:00 horas, na Cidade da Cultura, a súa tradicional festa de entrega dos Premios Irmandade do Libro. A XXIV edición deste evento foi presentada en Raxoi nunha rolda de prensa na que se deu a coñecer o nome da gañadora do premio na categoría Autor: Yolanda Castaño.

O Concello colabora coa Federación de Librarías de Galicia nesta festa, que volve a Santiago, o lugar onde se xestou, tras varios anos percorrendo diversas vilas galegas. Así o indicou a concelleira de Cultura, María Antón, lembrando uns Premios Irmandade do Libro nacidos en 1991 coa finalidade de distinguir e homenaxear ás persoas, institucións e colectivos sociais que cada ano desenvolven un traballo de creación, promoción, divulgación e dinamización do libro e da lectura, especialmente en lingua galega.

O acto de entrega destes galardóns, ademais de homenaxear aos gañadores das distintas modalidades, serve como punto de encontro de todos os que, cada ano, amosan o seu apoio incondicional ao libro, á lectura e aos seus axentes.

Este ano celébrase a edición número 24 dos premios, que se entregarán en oito modalidades: Centro de Ensino, Autor, Libro do Ano 2014, Libro Infantil e Xuvenil do Ano 2014, Obra Editorial, Fomento da Lectura, Libraría e de Honra.

Destas categorías, xa se coñece o nome da gañadora na de Autor. Foi distinguida Yolanda Castaño pola súa "complicidade coa Federación de Librarías de Galicia e pola súa traxectoria e contribución ás Letras Galegas", segundo apuntou na rolda de prensa a presidenta da Federación, Pilar Rodríguez.

Aos gañadores nas distintas modalidades, sen contraprestación económica, entregaráselles un diploma acreditativo e unha figura exclusiva realizada en bronce. Ademais, ao galardoado na modalidade de Centro de Ensino concederáselle un bono para libros por valor de 1.500 euros, cambiable en calquera libraría asociada á Federación de Librarías de Galicia.

Ademais da concelleira de Cultura, María Antón, participaron na rolda de prensa, celebrada no Pazo de Raxoi, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a presidenta e vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Xosé Antón Pedreira.

Direcciones relacionadas



Compartir: