CULTURA

Aberto o prazo de inscrición para a 12ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto

11/03/2015 Xa está aberto o prazo para participar na 12ª edición de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, que se celebrará do 6 ao 11 de outubro deste ano 2015.

Todos os que queiran inscribir as súas curtametraxes poden facelo, de balde, a través das plataformas shortfilmdepot.com ou festhome.com/edit_festival/1164, sendo a data límite para facelo o 20 de maio de 2015. As curtametraxes teñen que durar un máximo de 30 minutos (títulos de crédito incluídos), deben estar rematadas con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2014 e non poderán enviarse as que xa se inscribirán no Festival en edicións anteriores.

Curtocircuíto chega este ano á súa duodécima edición e este festival, que naceu en 2004, é hoxe unha cita obrigada co cinema curto e un referente a nivel europeo. Como vén sendo habitual, organizaranse diferentes actividades arredor do sector audiovisual, sendo o protagonista principal o cinema. A inscrición farase a través das dúas plataformas indicadas e, malia que a participación no festival é de balde, ambas as plataformas aplicarán un cargo variable ao usuario pola xestión da inscrición, que se poderá facer ata o 20 de maio. As curtametraxes seleccionadas (en competición e fóra de competición) serán publicadas na web do festival (www.curtocircuito.org) aproximadamente un mes antes do comezo do mesmo.

A Sección Oficial estará subdividida en Radar e Explora, sendo a organización a que decide, en última instancia, en que sección participarán as curtas presentadas. En Radar estarán as curtas de calquera xénero e nacionalidade que marcan tendencias a escala mundial e na que cineastas experimentados convivirán con novas promesas. Explora será unha sección centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, pezas dificilmente catalogables nun xénero que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras.

Os premios e mencións serán Mellor Curtametraxe e Mención ou Mencións Especiais en Radar, Explora e Galicia; Premio do Público e Premio do Xurado Novo á Mellor Curtametraxe; Premio CREA á Mellor Dirección Galega e Premio AGAG ao Mellor Guión Galego. Todos os premios terán unha dotación económica, agás as Mencións Especiais.

Os interesados en participar poden consultar as bases e outra información de interese na páxina web do festival, www.curtocircuito.org, ou na web www.compostelacapitalcultural.org, na sección de Curtocircuíto.

Documentos relacionados



Compartir: