CULTURA

White Bats estarán este xoves en Santiago dentro do Compostela Rock

11/03/2015 A irrupción de White Bats (Madrid, 2014) na escena indie provocou reaccións inmediatas e efusivas. O mundo estaba a esperar aos Morcegos Brancos e o seu impecable primeiro EP, White Bats. Poderemos escoitalos este xoves en Santiago dentro do ciclo Compostela Rock. Será na Zona C a partir das 20:30 horas nun concerto no que estarán acompañados do pop electrónico de Músculo!.

Dende a intensa perfección instrumental da súa base rítmica procreada por Víctor Ferrero (batería) e Paula Ruíz (baixo), á poderosa voz de Jaime Barcaiztegui e á guitarra punzante de Jake Feijóo que sobrevoa o espazo sonoro tinguido de sintetizadores, White Bats xogan na liga dos imprescindibles.

A revista Rolling Stone defíneos como un grupo prometedor de after-kraut-punk, e algúns como a revista Mondo Sonoro emparenta o seu son coa psicodelia contemporánea de The Horrors con tinguiduras "interpolianas".

O directo é a súa razón de ser, e tras a súa presentación o pasado 14 de novembro no Ochoymedio Club (Sala But, Madrid) con El Columpio Asesino, ante unha sala chea que colgara o cartel de entradas esgotadas, White Bats volven aos escenarios. En Madrid iniciouse unha serie de concertos que os levarán por toda España, presentando o seu primeiro EP homónimo xunto con novas cancións que irán presentando aos poucos en directo.

Músculo!
Sintetizadores e guitarras que xogan a perseguirse sobre un asfalto que retumba ao ritmo dunha potente base rítmica. Así poderiamos definir o son da banda de Valga que, tras tocar na primeira edición da Romaría Pop aos poucos meses de formarse, estarán a presentar esta terceira edición ao mesmo tempo que nos mostran as cancións que forman parte do seu novo EP, Vivac. En "El Tiempo Muerto", canción que adianta este traballo amósanse cada vez máis amigos das teclas e botóns e máis afastados das seis cordas, para continuar sendo unha das bandas máis interesantes da electrónica galega.

As entradas teñen un prezo de 6 euros, 8 € o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en A Reixa Tenda ou na propia Zona C desde unha hora antes de que comece o concerto.

Compartir: