ALCALDÍA

Agustín Hernández marca como unha cuestión "permanente e ineludible" a busca de formas de mobilidade alternativa

11/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, clausurou a xornada A mobilidade sostible chega a Galicia: o vehículo eléctrico está aquí, celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Posteriormente, inaugurou a exposición Vehículo Eléctrico + Enerxías Renovables, que estará na praza do Obradoiro ata o domingo 15 de marzo.

Hernández destacou a dimensión especial que para Santiago de Compostela adquiren estas xornadas sobre o vehículo eléctrico, xa que "se encadran nun dos eixes da nosa estratexia para o futuro da cidade". Neste sentido, apuntou que "se a adopción de enerxías e de formas de mobilidade alternativas debe ser un obxectivo permanente, quizais o sexa máis nun ámbito de cidade histórica, onde a promoción de sistemas de transporte que garantan a mobilidade das persoas e incluso o reparto de mercadorías con criterios de sustentabilidade e respecto ao patrimonio deben ser cuestións permanentes e ineludibles".

Por este motivo, dixo, "participamos de forma activa na difusión de contidos e colaboramos no desenvolvemento destes actos, coa convicción de que contribuímos a impulsar un sector integrado na nosa economía, implicado co desenvolvemento de Galicia e con gran futuro para a cidadanía e para as institucións públicas".

O alcalde enmarcou a busca de alternativas de mobilidade na estratexia do Goberno local para o impulso da innovación na cidade. "O obxectivo é lograr unha planificación estratéxica sustentable, na que teñan un papel decisivo novos métodos e ferramentas para unha xestión intelixente da Administración local", indicou. Así, baixo a guía do programa SmartiAGO, explicou, "estamos desenvolvendo no ámbito urbano medidas de aforro que xuntan vantaxes ambientais cunha maior eficiencia económica no uso da enerxía".

"Santiago ocupa xa un lugar destacado no desenvolvemento dun proxecto de cidade intelixente dentro do marco das cidades Patrimonio españolas e as nosas experiencias poderán ser de aplicación en ámbitos urbanos históricos de España e de Europa", engadiu Agustín Hernández.

Neste marco e co obxectivo de que o centro histórico se converta nun conxunto "eficiente, intelixente e cun mellor servizo, tanto aos seus cidadáns como aos seus visitantes", lembrou os tres eixes trazados polo Concello neste eido: a mellora da captación da información a través da tecnoloxía, a xestión eficiente dos servizos e a sustentabilidade dos servizos.

Vehículos eléctricos e enerxías renovables
Tras clausurar a xornada, o alcalde inaugurou a exposición sobre o vehículo eléctrico e as enerxías renovables que poderá visitarse na praza do Obradoiro ata este domingo 15 de marzo. Agustín Hernández realizou un percorrido pola mostra, que inclúe stands institucionais e corporativos e que exhibe diferentes modelos de vehículos eléctricos.

Compartir: