SERVIZOS SOCIAIS

Santiago de Compostela súmase á conmemoración do Día Mundial do Ril

11/03/2015 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, participou no CHUS nunha mesa informativa convocada pola delegación de Santiago da Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (Alcer) con motivo da celebración este xoves, 12 de marzo, do Día Mundial do Ril. Tamén asistiron o xerente do CHUS, Luis Verde; o xefe de Nefroloxía do complexo, Cándido Díaz, e representantes de Alcer.

O Concello de Santiago colabora coa delegación de Santiago de Alcer mediante un convenio anual. A través do mesmo achega 2.000 euros destinados ao seu Programa de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades crónicas. Ademais, Alcer é unha das entidades que ten a súa sede na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES).

Para lograr unha "boa saúde renal para todos", que é o lema da campaña deste 2015, Alcer recomenda oito regras básicas:

1. Manterse en forma e activo.
2. Controlar regularmente o nivel de azucre no sangue.
3. Controlar a presión arterial.
4. Comer saudable e manter o peso baixo control.
5. Manter unha adecuada inxestión de líquidos.
6. Non fumar.
7. Non tomar medicamentos sen control médico.
8. Controlar a función renal no caso de ter un ou máis destes factores de alto risco: padecer diabetes, padecer hipertensión arterial, ser obeso, sufrir un dos pais ou outros membros da familia de enfermidade renal ou ser de África, Asia ou aborixe.

Compartir: