CULTURA

O Concello distribuirá 2.000 exemplares do cómic divulgativo "Vivir no solo" en centros de ensino e bibliotecas de Galicia

11/03/2015 A concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, participou na presentación do cómic divulgativo Vivir no solo, cuxa edición en español veñen de promover a Delegación da Sociedade Española da Ciencia do Solo (SECS) en Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con motivo do Ano Internacional dos Solos 2015. Esta publicación, que agora engade novos contidos, fora lanzada no ano 2000 polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Santiago.

A tirada rolda os 6.000 exemplares, que serán distribuídos a través do proxecto Ciudad Ciencia, iniciativa do CSIC e a obra Social La Caixa. Pero ademais, o Concello de Santiago súmase a esta iniciativa divulgativa sobre o solo cunha tirada de 2.000 exemplares da versión en galego de Vivir no solo para a súa distribución en centros de ensino e bibliotecas escolares de Galicia. Tanto a edición en español como en galego están dispoñibles en formato dixital e pódense descargar libremente nas páxinas web das entidades promotoras.

No ano 2000, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Santiago lanzaron o cómic Vivir no solo e, agora, a Delegación da SECS en Galicia e o CSIC adaptárono e reeditárono para a súa difusión a nivel nacional. O cómic, concibido coma un recurso didáctico, busca a través de 20 páxinas e en torno a 60 viñetas concienciar acerca da problemática medioambiental do solo e da necesidade da súa protección. Diríxese tanto ao público infantil como ao público xeral e, particularmente, ao alumnado de todos os niveis educativos.

Na realización do cómic participaron tamén María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros, responsables da documentación e do asesoramento, e o Estudio Tangaraño, que realizou as ilustracións.

Direcciones relacionadas



Compartir: