SEGURIDADE E MOBILIDADE

Un detido por atentado a axente da autoridade

10/03/2015 A Policía Local de Compostela procedeu á detención dun home duns 30 anos de idade e de nacionalidade polaca por atentado a axente da autoridade. Os feitos ocorreron sobre as 22.00 h do día de onte, luns 9 de marzo, na praza da Quintana, cando un cidadán solicita a presenza policial por atoparse este home molestando aos clientes dun establecemento e ouriñando sobre as mesas e cadeiras.

Á chegada dos axentes o home diríxese a eles para agredilos e chega a facelo, polo que é detido. É trasladado ao servizo de urxencias do CHUS, a efecto de recoñecemento médico, sendo custodiado ata o seu traslado a dependencias policiais do CNP, para a súa posta a disposición xudicial.

Control de cintos e sistemas de retención infantil
Por outra banda, a Policía Local comezou a campaña de control de cintos de seguridade e sistemas de retención infantil. Na primeira xornada, os axentes desprazáronse ás rúas do Hórreo, San Roque, San Lourenzo, San Lázaro e Choupana-Santa Marta, onde controlaron un total de 964 vehículos e unicamente se realizaron tres denuncias.

Compartir: