CULTURA

Debut en Galicia de John Németh dentro do ciclo Blues Nite by 1906

10/03/2015 Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul Blues nos Blues Music Awards, John Németh visita por primeira vez Galicia. Será este mércores 11 de marzo, ás 21:30 horas, na Sala Capitol, enmarcado dentro do programa do ciclo Blues Nite by 1906.

Para moitos unha das mellores voces de soul blues do mundo e un verdadeiro virtuoso da harmónica, John Németh e fillo de inmigrantes húngaros cun sobranceiro talento natural que creceu en Boise, Idaho. A súa carreira profesional comeza no 2000 xirando con Junior Watson e en 2004 publica o seu debut discográfico en solitario, Come and get it. Trasládase a California e asina un contrato con Blind Pig Records para editar tres novos discos.

O Philadephia Inquirer foi o primeiro medio que incluíu a John Németh nunha lista de novos talentos do soul, xunto a nomes como James Hunter, Eli "Paperboy" Reed e Sharon Jones. En 2013 trasládase a un dos berces do soul e do blues, Memphis, e ficha por Blue Corn Music, selo de American Roots que publica Memphis Grease, o sétimo álbum de John Németh, que con seguridade é un dos mellores discos deste xénero no que levamos de século.

Entradas e Bonoblues
As entradas están dentro do Bonoblues e soltas teñen un prezo de 13 euros anticipada e 16 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h), en Ticketea, Miranda, A Reixa Tenda e salacapitol.com.

Existe a posibilidade de mercar un Bonoblues para todos os concertos ou para tres deles. O bono para todos os concertos ten un prezo de 40 euros; o de 3 ten un prezo de 28 € e será para os de Németh, Jones e The Reverend… O Bonoblues pode mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal.

Compartir: