ALCALDÍA

O alcalde reivindica a Xosé Calviño coma referente na innovación educativa

10/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou unha nova edición das Xornadas Xosé Calviño, que se celebran no IES Arcebispo Xelmírez I. Nesta ocasión levaban por título "O reto do sector audiovisual e as súas necesidades formativas".

Agustín Hernández fixo unha gabanza do "carácter aberto e integrador no ensino" impartido no Xelmírez I, ao que "sen dúbida, ten contribuído, sen dúbida, o labor desenvolvido polo catedrático de Filosofía e vicedirector deste Centro, Xosé Calviño, quen dende mediados dos anos 80 e durante máis dunha década, traballou como coordinador dunha experiencia pedagóxica que foi no seu tempo –e continúa a selo aínda hoxe- unha referencia para a innovación educativa".

Nas aulas deste instituto, lembrou, "un colectivo de profesores propuxéronse hai case 30 anos superar os métodos tradicionais, uns métodos caracterizados polo emprego case exclusivo da teoría, da memoria e da pasividade no ensino, para dar paso a un proceso formativo no que prima a participación activa do alumnado, con actitude aberta, crítica e creativa, na procura dunha aprendizaxe asimilada onde as actividades, os talleres e as viaxes de estudo forma parte nuclear do proceso formativo".

A experiencia durante décadas e a incorporación destes métodos aos plans oficiais, dixo, "viñeron a demostrar a vixencia dunha forma de entender o ensino máis humanizada, máis atenta á experiencia e á realidade, e con sistemas de avaliación máis axustados, onde se consegue reducir en gran medida os altos niveis de fracaso escolar do pasado".

Para o alcalde, estas Xornadas manteñen o espírito dese ensino "global e aberto á realidade circundante". Nesta ocasión, prodúcese un achegamento ao sector audiovisual, amosando os retos e as oportunidades que teñen ante si cámaras, fotógrafos, produtores, realizadores e todo un conxunto de profesionais vinculados cunha das artes e tamén das industrias do noso tempo.

Concluíu Agustín Hernández lembrando unha vez máis a Xosé Calviño e a conveniencia dunhas Xornadas que manteñen a súa memoria e, con ela, "o seu afán por conseguir un ensino diferente, marcado pola continua inquedanza, a innovación e a incorporación de novas tecnoloxías, pero sempre dende unha óptica humanística na que ocupa un lugar destacado o compromiso coa sociedade, e con el a defensa e promoción do idioma de Galicia".

Compartir: