CULTURA

Lars Vogt, Herbert Schuch e Alexandre Tharaud no VII Ciclo de Piano Ángel Brage

10/03/2015 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Maximino Zumalave, presentaron o programa do VII Ciclo de Piano Ángel Brage que se celebra no Auditorio de Galicia dentro do seu programa de abono. O ciclo será inaugurado polo alemán Lars Vogt o 19 de marzo; o 24 de abril estará Herbert Schuch e pecharase o 14 de maio co debut en Compostela de Alexandre Tharaud. Todos os concertos serán ás 21:00 horas.

O Ciclo de Piano Ángel Brage nace no ano 2008, dentro da programación de abono do Auditorio de Galicia, para homenaxear no 25º aniversario do seu falecemento a este pianista e mestre de varias xeracións de músicos composteláns. Polo escenario do Auditorio de Galicia xa teñen pasado algúns dos máis grandes pianistas da actualidade, como Olli Mustonen, Arcadi Volodos, Christian Zacharias, Krystian Zimmerman, Aldo Ciccolini, Paul Lewis, Leif Ove Andsnes, Emanuel Ax, Andrea Lucchesini, David Kadouch, Cédric Tiberghien, Andrea Bacchetti.etc...

O alemán Lars Vogt inaugurará esta nova edición do Ciclo o xoves 19 de marzo con obras de Schubert, un dos máis prolíficos compositores para este instrumento, Schoenberg e Beethoven. A súa innegable proximidade melódica e harmónica fan das tres últimas sonatas para piano de Schubert, compostas no seu derradeiro ano de vida (1828) e actualmente consideradas entre as máis importantes pezas mestras de madurez, unha verdadeira triloxía cuxas emocións expresadas son consideradas como persoais e autobiográficas e das que sempre se lembra o carácter dramático e heroico da Sonata en do menor e o apaixonado lirismo da Sonata en La maior. É precisamente a Sonata en Do menor a que poderemos escoitar neste concerto, xunto coas Seis pequenas pezas para piano de Schoenberg e a Sonata número 32 en do menor de Beethoven.

Herbert Schuch estará en Compostela o venres 24 de abril. Fascinado polo son das campás, este pianista concibiu un dramático programa co punto de mira posto na "invocación" e nas "campás". Ademais de Liszt e Bach (arranxado por Busoni e Harold Bauer), este talento romanés inclúe unha homenaxe de Tristan Murail ao seu mestre Olivier Messiaen, de quen interpreta un preludio antes de pechar o seu recital con La vallée des cloches, unha das cinco pezas dos Miroirs na que Ravel se inspirou na multitude de campás que resoan en París cada mediodía.

Alexandre Tharaud debutará na nosa cidade o xoves 14 de maio. Descuberto polo gran público na película Amour, de Michael Haneke, na que se interpreta a si mesmo, o pianista parisiense Alexandre Tharaud ofrecerá un recital de composicións para piano de Mozart pouco interpretadas, e singulares obras de dous autores franceses: as tres primeiras Gnossienes de Erik Satie (breves pezas cuxa denominación ofrece diferentes lecturas) e Miroirs, suite pianística en cinco partes de Maurice Ravel.

As entradas teñen un prezo de 12 euros (6 € para estudantes e xubilados) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443 e no propio Auditorio de Galicia os días de concerto.

Compartir: