CONSORCIO

Compostela amosa a obra do arquitecto galego Alejandro de la Sota

14/09/2006 A exposición "Alejandro de la Sota: proxectos e maquetas", promovida polo Consorcio de Santiago, pode verse a partir do venres 15 e ata o 11 de outubro no centro A Chocolatería. Ocasión para contemplar a obra dun arquitecto galego "de gran recoñecemento no Estado e que desenvolveu o seu labor en tempos moi pouco proclives", segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na presentación da mostra.

O alcalde lembrou que Alejandro de la Sota non ten ningunha obra en Santiago, "aínda que si chegou a redactar un proxecto para unha biblioteca universitaria do Campus Sur". Non obstante, amosouse "extraordinariamente satisfeito" por poder colaborar na difusión da súa obra e invitou a todos os composteláns a coñecela. "A arquitectura non pode ser cuestión de expertos; ou se fai para todos ou non sirve para nada", indicou.

Nacido en Pontevedra en 1913, Alejandro de la Sota chega a Compostela para estudar o bacharelato e os primeiros anos universitarios na carreira de Matemáticas, especialidade que abandonaría máis tarde para trasladarse a Madrid onde realizaría estudos na Escola de Arquitectura. O propio arquitecto foi profesor deste centro, ademais de colaborar con outras universidades internacionais como Munich e Harvard, entre outras.

O seu labor docente e a súa obra marcarían ás seguintes xeracións de arquitectos españois, sendo considerado como un dos grandes mestres da arquitectura española do século XX.

Arquitectura racionalista

Alejandro de la Sota é un claro representante dunha arquitectura racionalista, sobria e purista, caracterizada por unha profunda sinceridade construtiva, moi adiantada para o súa época. Neste sentido, foi un dos principais promotores da industrialización da construción na España da década dos anos sesenta.

Entre as moitas e innovadoras obras que realizou ao longo da súa vida (morreu en 1996 en Madrid) destacan o Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas, o Ximnasio do Colexio Maravillas, A Colonia Infantil de Miraflores en Madrid ou o Goberno Civil en Tarragona. Foi autor, ademais, de moitos proxectos que non chegaron a materializarse, dos que son testemuña as maquetas, paneis e audiovisuais expostos agora en Santiago de Compostela.

Todo o material expositivo foi elaborado pola Escola de Arquitectura da "Technische Universitat München", baixo a coordinación do arquitecto e profesor desa Universidade Víctor López Cotelo, co patrocinio da empresa compostelá Construcións Otero Pombo.

Compartir: