SEGURIDADE E MOBILIDADE

Detido un home en Compostela por agresión con arma branca

09/03/2015 A Policía Local de Santiago de Compostela detivo o pasado sábado un home de 53 anos de nacionalidade marroquí como presunto autor dun delito de lesións tras agredir con arma branca a dous homes e unha muller na rúa Casas do Rego.

Unha testemuña dos feitos alertou ás forzas de seguridade municipais de que se estaba producindo una pelexa entre varias persoas que poderían estar en posesión de armas brancas. Varias patrullas da Policía Local dirixíronse ao lugar, onde un home e una muller que presentaban varias rabuñaduras, declararon que minutos antes un home de nacionalidade marroquí intentara agredilos cun coitelo, logrando alcanzar a una terceira persoa que escapara do lugar.

Momentos despois unha das patrullas de apoio da Policía Local localizou a esta terceira vítima, nas inmediacións do lugar dos feitos, que presentaba un corte no seu pómulo dereito. Pouco despois as forzas de seguridade lograron deter ao presunto agresor, que foi recoñecido polos denunciantes e trasladado a dependencias policiais para poñelo a disposición xudicial. O pasado domingo pola tarde ordenouse a súa entrada en prisión.

Outros altercados
Durante a madrugada do domingo, a Policía Local de Santiago foi alertada de que un home se atopaba golpeando varios vehículos estacionados na rúa García Lorca. Unha dotación policial dirixiuse ao lugar onde varias testemuñas describiron ao presunto autor dos feitos, que minutos despois foi localizado e identificado polos policías.

O acusado manifestou ante as forzas de seguridade estar sometido a unha forte excitación tras unha discusión, motivo polo cal comezara a propinar golpes aos coches.

A Policía logrou contactar coa muller involucrada na discusión, que afirmou ter sido ameazada e insultada polo autor dos feitos, polo que a dotación policial a informou dos pasos a seguir para presentar unha denuncia. Tan só un dos vehículos estacionados presentaba danos, polo que se levan a cabo as xestións oportunas para proceder á localización do seu propietario.

Tamén na madrugada do domingo, a Policía Local acudiu á rúa Hórreo, á altura do número 21, onde uns rapaces romperan un panel publicitario. Durante a intervención, a dotación policial desprazada ao lugar puido localizar os supostos autores, sendo identificados e informados de que se dará conta dos feitos, motivo polo cal se confeccionan as oportunas dilixencias.

Compartir: