CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia conseguiu un cheo absoluto esta fin de semana no Palacio Euskalduna de Bilbao

09/03/2015 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) participou esta fin de semana no Festival Musika-Música de Bilbao con tres concertos no Palacio Euskalduna. O Festival, ao que a orquestra asiste dende hai anos, estaba dedicado nesta edición ás figuras de Bach e Haendel. O sábado, a RFG deu un concerto e o domingo ofreceu dúas actuacións.

O director técnico da RFG, José María Montes, destaca o "enorme éxito" das actuacións da orquestra no marco deste festival. "O público reaccionou con moito entusiasmo. Nótase que xa hai unha relación consolidada e un cariño especial cara a Real Filharmonía, coa que se creou un vínculo ao longo do tempo", manifesta. A orquestra conseguiu un cheo absoluto no Placio Euskalduna de Bilbao, o que representa un total de 1.500 localidades en cada actuación.

No concerto do sábado, os músicos tocaron a Música acuática de Haendel, baixo a batuta do mestre británico Christopher Bucknall. A primeira actuación do domingo incluíu dúas obras para óboe, que interpretou o prestixioso oboísta onubense Lucas Macías, solista da Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam, da Orquestra do Festival de Lucerna e da Orchestra Mozart de Bologna, profesor na Escola de Música de Freiburg (Alemaña) e un dos músicos españois máis recoñecido no ámbito internacional. Tocou o Concerto para óboe de Haendel e o Concerto para óboe d´amore n.º 4 de Bach. Ademais, a RFG achegou ao público parte da Música acuática de Haendel, xunto coa Sinfonía da Cantata n.º 174 "Amo ao Todopoderoso con toda a miña alma" de Bach.

A participación da Real Filharmonía de Galicia no Festival Musika-Música de Bilbao concluíu cun concerto dirixido e interpretado polo pianista canario Iván Martín, que tocou o Concerto para teclado n.º 1 e o Concerto para teclado n.º 5 de Bach. Ademais, a orquestra ofreceu de novo a Sinfonía da Cantata n.º 174 de Bach.

Compartir: