CULTURA

The National abandeira o LAPSO 2015, a cita musical do ano en Galicia

09/03/2015 A praza da Quintana de Santiago de Compostela acollerá o xoves 30 de abril a nova cita de referencia no panorama español da música en directo. O LAPSO 2015 Musical Experience nace este ano en Galicia, e conta na súa programación cunha das bandas internacionais do momento: The National. A formación de Cincinatti encabeza un cartel que se enmarca no ciclo Compostela Rock e que promete unha xornada de gozo, cos mellores concertos e sesión de DJ, tal e como anunciaron na súa presentación a concelleira de Cultura, María Antón; o xerente do Auditorio de Galicia, Jose Víctor Carou; Pedro Martínez, da axencia Legal Music e Carlos Montilla, director da promotora I-Radia Crea.

Ademais de The National, sobre o escenario pasarán outras bandas de calidade, como os portugueses The Gift e os galegos Best Boy. As entradas pódense adquirir no Teatro Principal de Santiago (martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda, en ticketea.com, entradas.abanca.com e ataquilla.com. As primeiras 500 que se vendan en ticketea.com contan cunha promoción especial, pola que custarán 25 euros máis gastos. A partir de esa cifra e no resto de canles o prezo será a partir de 28 euros máis gastos.

LAPSO 2015 - Musical Experience
O LAPSO celébrase por primeira vez en 2015 e Santiago de Compostela é o sitio elixido para un evento que promete unha intensa xornada para gozar da mellor música en directo. A cita inclúese na programación do ciclo Compostela Rock, do Concello de Santiago, coa colaboración da promotora local I-Radia Crea e da axencia Legal Music.

O proxecto nace coa vocación de promover un encontro anual para a mellor música internacional do momento no noroeste peninsular. Búscase que o público que persigue a calidade musical poida atopala en directo a prezos máis accesibles que os habituais de grandes festivais.

Asentado no concepto de que o bo sempre dura un instante, esta primeira edición celebrarase na capital galega e durante un só día, aínda que a intención é que en futuras ocasións poidan ser outras urbes as candidatas a acoller este encontro efémero. O LAPSO comezará coa apertura de portas ás 19:30 horas e será Best Boy os que inauguren o escenario ás 20:00 h. Ás 21:00 h será a quenda de The Gift e The National tocarán a partir das 22:30 h.

The National, primeira vez en Galicia
Sobran os eloxios para The National, que despois de seis discos souberon manter a súa identidade á par de ir crecendo en público, nunha complexa fórmula que poucas formacións dominan. A banda liderada por Matt Berninger chega a Santiago de Compostela o próximo 30 de abril, no que será a súa primeira vez en Galicia, nun concerto moi agardado polos seus seguidores de todo o noroeste peninsular.

A inconfundible voz de Berninger, xunto cos xemelgos Dessner ás guitarras e os irmáns Devendorf en baixo e batería, presentarán ao público o seu último álbum, Trouble will find me. Lanzado en 2013, os seus 13 temas contan cun son máis aberto que en anteriores traballos, sen renunciar aos trazos polos que recibiron un recoñecemento unánime da crítica musical e do público.

Melodías sedutoras, a busca da conexión emocional e a xeometría nunha composición rica en matices, forman un disco redondo no que atopamos colaboracións de excepción como as de Sharon Van Etten ou St Vincent. Só na primeira semana de publicación, adquiríronse case 75.000 exemplares do álbum, situándoo no podium de vendas nos Estados Unidos, Canadá e Reino Unido.

Os de Cincinatti superan con creces o reto que se lles poñía diante tras o éxito de High violet (2010), o seu quinto longa duración co que deron o salto nos aforos dos seus concertos. Recibiron a nominación aos Grammys 2014 como mellor álbum de música e foi requirida a súa presenza en festivais internacionais, así como a súa colaboración nas bandas sonoras de series de televisión e cine independente.

The Gift e Best Boy
O cartel do LAPSO complétase coa presenza doutras dúas bandas de calidade: os portugueses The Gift e os galegos Best Boy.

The Gift regresa á capital galega cun directo vibrante que persigue a intensidade, con temas marcados polo próximo e a procura dun envoltorio de luz. Despois de dúas décadas de percorrido ante un público que foi medrando en adeptos e en recoñecemento, a formación presentará na praza da Quintana temas dos seus últimos traballos, Explode e Primavera.

Coñecidos internacionalmente, Nuno Gonçalves e Miguel Ribeiro comezaron a súa andaina en 1994 e a eles uniuse Ricardo Braga e finalmente a voz forte e identitaria de Sonia Tavares. No seu haber contan con centos de miles de discos vendidos e premios como o MTV Europe Music Award ao Mellor Artista Portugués, que gañaron en 2005 e no que volveron ser nominados en 2011. A crítica especializada tampouco aforrou recoñecementos para este grupo, que formou parte de carteis de importantes festivais, como o Eurosonic ou Paredes de Coura e que nestes momentos compaxina as súas actuacións en directo coa gravación dun novo traballo discográfico de estudo.

Best Boy, cualificados como artesáns da canción, contan cunhas melodías de son claro e coidado, nas que o artificio sobra ante a exposición de calidade. O proxecto musical nace en Tui en 2014, no dúo formado por Ángel Sánchez e Lucas Fernández. Malia que o estilo se aproxima ao folk americano, a variedade das súas composicións e ritmos, fan que Best Boy se mova con soltura por un abano de matices. As súas cancións, dispoñibles en streaming na web oficial do dúo, recibiron boa acollida por un público que puido ademais gozar do seu directo en eventos como o Festival Sin Sal e o Festival da Luz.

Compartir: