ALCALDÍA

A avenida de Xoán XXIII contará en breve con novas luminarias e cun sistema intelixente de alumeado nos pasos de peóns

09/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou un convenio marco de colaboración con Ferrovial Servizos co obxecto de lanzar liñas de investigación, innovación e desenvolvemento conxunto para a aplicación da estratexia de Cidade Intelixente (Smart City). O acordo permitirá unha renovación integral do alumeado na avenida de Xoán XXIII.

Segundo explicou o alcalde, o convenio non supón carga económica para o Concello e está dirixido a promover ideas e proxectos que poidan ser de utilidade para unha mellora na xestión municipal e para a prestación de mellores servizos, coa aplicación de novas tecnoloxías. En concreto, como anexo deste convenio inclúese xa a proposta de optimización enerxética da instalación da iluminación pública da avenida de Xoán XXIII con tecnoloxía innovadora e de alta eficiencia.

O proxecto, que anunciou será posto en marcha esta mesma semana, consiste na substitución dos puntos de luz existentes entre San Caetano e San Francisco por lámpadas LED, na instalación dun sistema de iluminación intelixente en pasos de cebra, no cambio dos apoios existentes e na renovación do condutor deteriorado.

As novas luminarias disporán dun sistema de regulación dinámico e flexible, que permitirá a xestión e o axuste en tempo real e que avisará automaticamente dun posible fallo para a súa reparación inmediata.

Smart City
O Goberno municipal ten o obxectivo de lograr unha planificación estratéxica sustentable, en sintonía co concepto de Cidade Intelixente ou Smart City, na xestión diaria das administracións locais. Nesa dirección van as medidas de aforro enerxético, con efecto positivo na redución do impacto ambiental, pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso da enerxía.

Con estas accións, Santiago vai camiño de converterse na primeira Cidade Patrimonio de España en desenvolver un proxecto Smart City, polo que as nosas experiencias poderán aplicarse despois a outras Cidades Patrimonio de España e de Europa.

Santiago está integrada en asociacións e foros específicos como a Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI) ou a Rede INNPULSO. Ademais, a cidade participa no desenvolvemento de programas europeos, como o Plan para a Eficiencia Enerxética das Cidades, xunto a outros 17 socios de 13 países, de cidades, centros de investigación e empresas diferentes, co obxectivo común de lograr unha planificación estratéxica sustentable no ámbito das cidades.

Smart iAGO
O proxecto Smart iAGO está orientado a aportar solucións tecnolóxicas que teñan en conta as particularidades diferenciais dunha Cidade Patrimonio da Humanidade. Smart iAGO é un proxecto ambicioso e novidoso para desenvolver tecnoloxías innovadoras, tendo en conta as necesidades concretas de xestión do Concello de Santiago de Compostela, co obxectivo de ofrecer mellores servizos aos cidadáns e que implica a un gran número de axentes do sistema de I+D+i local".

Tres son os eixes básicos deste proxecto: a captación de información, a xestión eficiente dos servizos públicos, e a sustentabilidade dos mesmos nun espazo histórico. En base a estes eixes, determináronse varios ámbitos de actuación prioritarios: a mobilidade, o patrimonio, a planificación urbana, o medio ambiente, a eficiencia na toma de decisións; a calidade de vida e a cohesión social e a administración electrónica.

Compartir: