ALCALDÍA

Agustín Hernández salienta a "traxectoria de amor e sacrificio" das tres compostelás homenaxeadas con motivo do Día Internacional da Muller

08/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu os actos con motivo do Día Internacional da Muller. Entre estes figurou un acto de recoñecemento a tres mulleres compostelás: Dorinda Pedreira Santiso, Esperanza Castro García e Ruth Gómez Vázquez.

Agustín Hernández expresou a súa satisfacción por entregar unha distinción que "recoñece o labor de tres mulleres que veñen a corroborar a importancia da contribución feminina ao desenvolvemento da nosa sociedade". "Son exemplos moi diferentes –dixo- pero teñen en común a súa traxectoria de amor e sacrificio, levando a cabo un traballo que non só lles supuxo un medio de vida, senón que a través del influíron e inflúen de forma moi positiva e enriquecedora na vida das súas familias e da sociedade que as rodea".

Este acto, engadiu, ofrece a oportunidade de recoñecer a traxectoria destas tres mulleres para "agradecerlles a súa achega e para dar a coñecer o seu exemplo de abnegación, de loita e de sacrificio, que dignifican e sitúan o papel da muller no avance e na construción dunha sociedade cada paso máis xusta e mellor".

De Dorinda Pedreira Santiso lembrou que conta 100 anos, un século de vivencias e unha saúde envexable que lle permite ler libros e pasear a diario polo seu barrio das Fontiñas.

"Quedou viúva con 47 anos, sen dispoñer de axuda de ningún tipo. Criou cinco fillos e durante a metade da súa vida rexentou unha pensión na nosa cidade, que lle permitiu sacar adiante á súa familia. Hoxe ten doce netos e dez bisnetos, para os que sen dúbida é un referente, como e é para todos nós", apuntou Agustín Hernández.

Pola súa parte, Esperanza Castro García, nacida en Santa Cristina de Fecha e veciña de San Roque, estivo 42 anos á fronte da froitería Entrenaranjos, na encrucillada das rúas Alfredo Brañas e República Arxentina, ata a súa xubilación no ano pasado. A súa foi unhas das primeiras tendas de alimentación do Ensache e das poucas que manteñen o seu espírito familiar, mesmo agora que a atende unha empregada súa de confianza.

"O seu escaparate, que en tempos lle ten ocasionado máis dun desgusto, segue a ser reflexo da dedicación e cariño que ela lle tiña ao seu negocio, onde as froitas adquiren o papel de obxectos decorativos, converténdose nun punto de referencia do comercio local", lembrou.

Finalmente, o alcalde cualificou a Ruth Gómez Vázquez coma "unha institución non só para a educación hospitalaria, senón tamén para a nosa cidade". Nacida na rúa de Entremuros, dende hai máis de 41 anos ocúpase de ensinar e atender, no máis amplo sentido da palabra, ás nenas e nenos hospitalizados.

Destacou o rexedor municipal que, dende a dirección da Escola de Pediatría do Hospital Clínico Universitario, esta profesional "imparte coñecemento, ilusión, sensibilidade e gañas de vivir, loitando contra o síndrome do hospitalismo e facendo do seu traballo un complemento indispensable para a saúde e o consolo de nenos e tamén de pais". O labor de Ruth Gómez foi recoñecido en moitos ámbitos, facéndose merecedora, entre outros, á Medalla de Galicia da Xunta de Galicia en 1995 e ao premio Vagalume do Concello de Santiago en 1999.

Para o alcalde, "Dorinda, Esperanza e Ruth representan hoxe a todas as mulleres que no fogar, no comercio, na escola, na oficina, na empresa, na administración ou en calquera posto de traballo, ofrecen unha mostra diaria da inmensa capacidade e da achega indispensable para que a nosa sociedade medre e funcione cada día mellor".

"Sen elas, nada sería posible, e moito menos este acto que nos reúne e nos permite celebrar a gran valía da muller e a necesidade de recoñecer e apoiar o seu transcendente papel para o ben de Santiago e da sociedade no seu conxunto", concluíu.

Compartir: