CULTURA

"Pedro e o lobo", pola Banda Municipal e Fantoches Baj, no ciclo Infantil & Familiar

06/03/2015 Este 7 de marzo, ás 18:30 horas, a Banda Municipal presentará no Auditorio de Galicia xunto a compañía de monicreques Fantoches Baj a adaptación en galego do clásico e popular conto Pedro e o lobo, de Serguéi Prokófiev. Será dentro do ciclo Infantil & Familiar e con este concerto a Banda Municipal remata o seu ciclo de inverno e empraza a todo o seu público, para o próximo domingo 22 de marzo, ao primeiro concerto do ciclo de primavera.

A adaptación conta a historia de Pedro e Irati, un matrimonio de fillos e netos de traballadores do ferrocarril, donos agora dun parque temático onde se recrea en miniatura un circuíto dun antigo tren a vapor. Hoxe, utilizando a escenografía do seu parque (a estación de Montefurado, o vagón-vivenda do avó, unha augada e un bosque) cóntanlle a xente como se coñeceron na estación abandonada de Montefurado nun día en que toda a aldea andaba a procura dun lobo, como Pedro cazou o lobo para facerse o valente e vingarse de que lle papara a súa pata "Branca" e como finalmente Irati convence a Pedro para que perdoe ao lobo e o deixe retornar ao seu ámbito natural, o bosque.

A proposta da Banda Municipal e a compañía de Fantoches Baj para esta nova posta en escena de Pedro e o lobo é conciliar estes dous grandes modos de facer esta obra, unindo o relato do narrador (ou narradores) coa representación das accións que se describen ou evocan na música.

O concerto é de balde previa retirada de invitacións, xa esgotadas. Aínda así, todos aqueles interesados poden achegarse ao Auditorio de Galicia, xa que os convites son só válidos ata 10 minutos antes do comezo do espectáculo e, nese momento, deixarase pasar ao público sen invitación ata completar o aforo da sala.

Compartir: