CASCO HISTÓRICO

O Concello comunicoulle a orde de peche ao propietario do local do número 6 da rúa de San Francisco pola súa situación de ilegalidade

14/09/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, explicou polo miúdo as razóns polas que se abriu expediente urbanístico ao propietario do inmoble situado no número seis da rúa de San Francisco. O mesmo abriu o seu negocio sen ter licenza de primeira apertura e requiríuselle que levante o muro que derrubou ilegalmente. En caso contrario, o local será precintado ata que se restitúa a súa legalidade.

Mercedes Rosón explicou a cronoloxía dos feitos, que arrinca o 5 de setembro, cando se lle concede licenza de obra de rehabilitación ao propietario do inmoble, segundo un proxecto arquitectónico que implica a conservación de toda a infraestrutura. "O muro derrubado figura perfectamente debuxado no proxecto ao que se lle deu a licenza –indicou- polo que o propietario era consciente da súa existencia e da súa catalogación e non pode alegar que apareceu no transcurso da obra".

Posteriormente, o 26 de abril deste mesmo ano, o promotor da obra presentou no Rexistro un escrito no que daba conta da aparición do muro referido, e que consideraba inestable, polo que solicitaba a súa demolición. "Todo isto sen ningunha xustificación técnica", sinala a concelleira. Semanas despois, o 18 de maio de 2006, o arquitecto municipal informa e denega a demolición do muro, por ser este parte fundamental para manter o sistema estrutural. Entón requíreselle que, se non é estable, se proceda á súa consolidación.

Xa o 23 de xuño, a Policía Municipal informa da desaparición do muro e da retirada dos escombros, e tres días despois a Oficina de Rehabilitación abre expediente urbanístico relativo ao baixo e á primeira planta, no que se indica que o muro se derrubou sen autorización e que se debe restituír. Neste sentido, Mercedes Rosón recordou a "boa vontade" coa que actuou a Oficina, pedíndolle ao propietario que solucionara o problema, cando nese momento xa se lle debería ter parado a obra.

A situación actual é que o muro derrubado non foi levantado de novo e que o propietario abriu o seu local comercial sen a licenza de primeira apertura. Por iso, o Concello requiriulle que peche o seu establecemento ata recuperar a situación de legalidade. En caso contrario, procederase ao seu precintado.

A concelleira lembrou que neste caso se aplicou "escrupulosamente" a norma e que non se poden consentir a determinadas persoas infraccións que non se lle permitirían a ningún outro cidadán.

Compartir: