EDUCACIÓN

Remata o prazo de presentación de traballos ao VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

05/03/2015 Este venres, 6 de marzo, remata o prazo de presentación dos traballos do VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado pola Concellería de Educación e Kalandraka e que conta cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O fallo do xurado coñecerase en abril, coincidindo co mes de libro e durante a Campaña Municipal de Animación á Lectura.

Este Premio está dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas. Os interesados deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués aproximadamente sobre o mes de outubro. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil.

As condicións completas de participación poden consultarse na páxina web do Concello e na de Kalandraka.

Direcciones relacionadas



Compartir: