CASCO HISTÓRICO

O Concello precinta dúas tendas do Casco Histórico que abriron sen licenza e que non respectaban a ordenanza de condicións dos locais

13/09/2006 Dous negocios de máquinas expendedoras situadas na rúa Bautizados e na avenida de Figueroa foron precintadas pola Policía Local con acta dos servizos xurídicos municipais. Ámbolos dous establecementos comezaron a exercer a súa actividade sen ter as correspondentes licenzas de obras de acondicionamento e de apertura e, ademais, incumprían a normativa de aplicación vixente no que se refire a ruídos e actividades molestas. O Concello está a tomar medidas contra a proliferación deste tipo de locais porque non responden aos perfís de calidade que se quere aplicar nos negocios do Casco Histórico.

O Concello de Santiago procedeu ao precintado de dous locais que utilizaban máquinas expendedoras situados na zona vella. Ámbolos dous establecementos carecían das licenzas de obras de acondicionamento e de apertura no momento no que comezaron a exercer a súa actividade de venda ao público. Os propietarios dos dous establecementos solicitaron as licenzas con anterioridade á apertura, pero os servizos municipais detectaron numerosas irregularidades nas dúas solicitudes. Acto seguido, comunicóuselles que era pertinente unha modificación dos proxectos, pero tomaron a decisión de abrir e exercer a súa actividade sen o correspondente permiso municipal.

A concelleira do Casco Histórico e Rehabilitación, Mercedes Rosón, salientou que este tipo de negocios non se axusta nin é o máis conveniente para o Casco Histórico compostelán. "Non interesan pola baixa calidade do negocio e son prexudiciais para a hostalería", remarcou. "Trátase dun tipo de negocios que non interesa porque favorecen un turismo que non se quere potenciar, son prexudiciais para os hosteleiros e acompañan e facilitan prácticas non desexables como a dos botellóns".

A todo o anterior hai que sumar que as dúas tendas incumprían a ordenanza xeral municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais, documento que establece que toda actividade molesta debe exercerse coas portas e fiestras pechadas, e coa debida insonorización, entre outras esixencias. Os dous locais realizaban a venda dos seus produtos a través de máquinas expendedoras situadas cara a vía pública, sen o peche na entrada requerido pola ordenanza, e coas conseguintes molestias para os veciños..

De forma inmediata trala apertura dos locais coas mencionadas irregularidades, o Concello puxo en marcha o procedemento previsto nestes casos, que rematou co precintado de ámbolos dous locais, espazos que, ademais, supoñen un "impacto visual moi importante", segundo destacou a concelleira, "ao estar situados nun casco histórico que é Patrimonio da Humanidade".

Compartir: