CULTURA

Único concerto en Galicia da banda de culto neoiorquina Screaming Headless Torsos dentro do ciclo Sons’15

04/03/2015 O ciclo Sons’15 botará esta semana unha ollada a América e dende alí chegarán dous concertos moi singulares. Este xoves 5 de marzo, e chegados de New York, estarán os Screaming Headless Torsos, os magos da fusión: crossover, metal, funk, R&B, hip-hop… a partir das 21:00 horas na Sala Capitol, acompañados dos galegos Cats and Monkeys. E o domingo 8, a partir das 19:30 horas, tamén na Sala Capitol, poderemos gozar do Walkin’&Talkin’10th Anniversary Tour de Eli "Paperboy" Reed Trío, que chega dende Boston co seu soul e rhythm&blues.

Screaming están en Compostela por vez primeira e darán na cidade o seu único concerto en Galicia. Trátase do concerto co que dan comezo á súa xira europea e estarán no escenario algúns dos músicos máis reputados de Nova York. Fundada a mediados dos noventa, os Screaming Headless Torsos foron sempre unha banda de culto, dirixida a públicos moi diversos, con amplos gustos e amantes dos cruces de estilos. Constitúen o máximo expoñente do crossover metal, funk e jazz-rock, sempre sobre bases e cores vocais da música negra con reminiscencias rhythm&blues e hip-hop.

Moitos consideran a David Fiuczynski coma un dos líderes máis eclécticos do mundo do rock: a súa guitarra soa a jazz, a banda explota en rock, o cantante supura funk e blues… un auténtico festín de sons e estilos… A Fiuczynski, creador da banda, líder e alma mater, acompáñano Freedom Bremner, que é o novo gran fichaxe á voz; David Ginyard, ao baixo; James "Biscuit" Rouse tras a batería, coñecido por traballar con voces como Alicia Keys ou Lauren Hill; e por último, Nate Werth, na percusión e gañador dun Grammy coa súa outra banda, Snarky Puppy.

En 2014 publicaron Code Red, novo álbum tras un silencio de nove anos que os trae de novo a Europa. Un concerto no que se gozará tamén do acid jazz dos lucenses Cats and Monkeys, banda formada por veterano músicos galegos e con temas xeniais que abrirán a noite.

As entradas teñen un prezo de 20 € anticipada e 25 € o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas); en Servinova, Ticketea, Ticketmaster, breakpoint.es, A Reixa Tenda, salacapitol.com, Portobello (A Coruña), Elepé Discos (Vigo) e Peggy Records (Ourense).

Compartir: