CULTURA

Ilusionismo con Yunke e teatro para bebés con Teatro da Semente, na programación cultural desta fin de semana

27/02/2015 O ciclo Infantil & Familiar ofrece dúas propostas esta fin de semana para os máis pequenos da casa. Trátase do espectáculo de maxia e ilusionismo Conjuro, con Yunke, o sábado, ás 20:00 horas, no Auditorio Abanca; e o teatro para bebés Chíos, con Teatro da Semente, o domingo na Zona C de Bonaval, en dúas funcións: 12:30 e 17.00 horas.

Subcampión do mundo de ilusionismo (Lisboa, 2000), o televisivo mago Yunke chega por primeira vez a Santiago para presentar o seu Conjuro, un show elegante e espectacular, para todos os públicos, cheo de fantasía e ilusión… Yunke presenta un tipo de ilusionismo inédito en España no que calquera cousa é posible e que os espectadores tardan en esquecer: á mente cústalle crer o que os ollos poden chegar a ver…

O espectáculo é recomendado para todos os públicos. O prezo das entradas é de 18 euros (patio butacas, anfiteatro 1) e 15 euros (anfiteatro 2). Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (no horario habitual, de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou o propio día do evento no Auditorio Abanca dende as 18:00 horas.

Chíos, poesía sensorial para bebés na Zona C
Dúas nenas xogan nun xardín de madeira onde todo é un bosque de sons e sensacións. Dous paxaros pequeniños chían para descubrir o mundo a través do xogo e das cancións… Chíos son trinta minutos de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos con cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfactiva e táctil. Con este espectáculo descubrimos o mundo a través dos sentidos, transformamos obxectos, gozamos coa música e as palabras e exaltamos a importancia do lúdico e do contacto coa natureza, tan esquecida nestes tempos de xogos de interior e máquinas.

Teatro da Semente nace froito da inquedanza de dúas actrices e contacontos, Chus Álvarez e Raquel Queizás. Despois de anos traballando actoralmente no ámbito infantil, tanto por separado como xuntas en varias montaxes doutras compañías, en 2012 deciden unirse en prol do xogo, a fantasía e o amor pola infancia e o teatro, especializándose no teatro para bebés.

A primeira montaxe da compañía foi Viaxe a Dadá, unha obra de teatro que acadou moi boa crítica e que elas definían como: "É sementar para recoller, sementar para que nazan flores, sementar para (re)coñecer a Vida e descubrir o Mundo. Entremos no faiado da infancia, subámonos a Dadá, o noso cabaliño de madeira, e viaxemos xuntos polas lembranzas da nenez, entre xogos e cantigas".

As entradas para este espectáculo, que ofrece dúas funcións, ás 12:30 e ás 17:00 horas, teñen un prezo de 5 euros e pode adquirirse unha entrada familiar: 4 entradas por 15 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas e na propia Zona C o día do espectáculo dende unha hora antes de que comece cada función.

Compartir: