XUNTA DE GOBERNO

Santiago segue avanzando como Smart City co novo acceso aos datos das obras a través dos móbiles e con máis medidas de optimización do alumeado público

27/02/2015 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria desta semana, aprobou dúas iniciativas que supoñen un avance na aplicación da estratexia de Cidade Intelixente (Smart City) en Santiago de Compostela. Trátase do novo modelo de cartel corporativo, cun código QR que permitirá consultar todos os datos das obras, e dun convenio con Ferrovial Servicios para por en marcha novos modelos de optimización enerxética.

Segundo indicou o alcalde, aprobouse un novo modelo de cartel corporativo das obras públicas do Concello de Santiago de Compostela, que introducirá o código QR. A través deste e mediante dispositivos móbiles, poderase acceder aos datos da obra anunciada existentes na web do Departamento de Desenvolvemento Urbano Sostible.

"Esta iniciativa trata de mellorar a transparencia, a participación cidadá e a información pública a través das novas tecnoloxías, en sintonía coa estratexia de Cidade Intelixente (Smart City) que está a desenvolver o Concello de Santiago", explicou.

Optimización enerxética
Nesta mesma liña das Smart Cities, o Goberno local ratificou un documento marco a subscribir coa empresa Ferrovial Servicios, S.A., que ten por obxecto lanzar liñas de investigación, innovación e desenvolvemento conxunto para a aplicación da devandita estratexia da Cidade Intelixente.

"O acordo, que non supón carga económica para o Concello, está dirixido a promover ideas e proxectos que poidan ser de utilidade para unha mellora na xestión municipal e para a prestación de mellores servizos, coa aplicación de novas tecnoloxías", indicou Agustín Hernández.

En concreto, como anexo deste convenio inclúese xa a proposta de optimización enerxética da instalación da iluminación pública da avenida Xoán XXIII con tecnoloxía innovadora e de alta eficiencia. Trátase de substituír os puntos de luz existentes entre San Caetano e San Francisco por lámpadas LED, da instalación dun sistema de iluminación intelixente en pasos de cebra, do cambio dos apoios existentes e da renovación do condutor deteriorado.

As novas luminarias disporán dun sistema de regulación dinámico e flexible, que permitirá a xestión e o axuste en tempo real e que avisa automaticamente dun posible fallo para a súa reparación inmediata.

Mantemento dos pavimentos da Cidade Histórica
Seguindo coa Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, a Xunta de Goberno tamén acordou abrir o procedemento de contratación do servizo de mantemento e reparación dos pavimentos no ámbito extramuros da Cidade Histórica. O tipo de licitación é de 119.996 euros e o prazo é o comprendido entre a adxudicación e o remate de 2015.

"O adxudicatario deberá programar as actuacións a realizar de acordo coas urxencias que a Administración lle traslade en función dos avisos realizados polos veciños e pola Policía Local", apuntou o alcalde.

Este contrato daralle continuidade ao adxudicado no pasado mes de novembro, cun gasto máximo de 60.500 euros, e complementa o dedicado ao recinto intramuros, que o Consorcio de Santiago adxudicou no terceiro trimestre do ano pasado por importe de 79.134 euros.

Segundo afirmou Hernández, "trátase así de proseguir coa atención integral á demanda real de mantemento destes pavimentos tradicionais, que conforman boa parte do carácter diferencial e do atractivo turístico do casco histórico de Compostela".

Documentos relacionados



Compartir: